Temas: FERROL CCOO UXT CIG

Sindicatos instan o alcalde de Ferrol a "paralizar" e "anular" as produtividades

Estima a xunta de persoal que esta "non é a medida correcta" e ínstano a rectificar para "saír dignamente".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2019 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

O presidente da xunta de persoal do Concello de Ferrol, David Rial (CCOO) instou o alcalde en funcións, Jorge Suárez (FeC), a anular as produtividades recentemente aprobadas e "paralizar" outros expedientes "en trámite".

Este órgano sindical tamén esixiu o "acceso á información completa" de todas as produtividades percibidas polo persoal municipal e os expedientes completos. Unhas peticións que, segundo indicou, xa foron presentadas polos sindicatos sen obter "resposta" ata o momento.

Rial pronunciouse deste xeito tras a celebración dun pleno extraordinario da xunta de persoal composta por delegados de CISF, CCOO, CIG e UXT. Tras o encontro, o sindicalista asegurou que as produtividades que se están asinando non son a "medida correcta" nun Concello que, conforme sinalou, "leva varios anos sen ofertas de emprego".

Fronte a iso, apuntou que a "solución" pasa pola "convocatoria das prazas, unha nova relación de postos de traballo (RPT) e paliar a deficiencia de traballadores" sen tomar "medidas temporais". Ademais, considerou que nalgúns casos as retribucións deberían ser con "horas extraordinarias, xa que son realizadas fóra da xornada e están baseadas en motivos puntuais e extraordinarios".

"SAÍR DIGNAMENTE"

Outro dos delegados sindicais, Manolo Fernández (CIG), asegurou que esta petición é por "unanimidade" de todos os integrantes da xunta de persoal aínda que ningún responsable de CSIF participou na rolda de prensa.

"O que pretendemos é darlle unha oportunidade ao alcalde de saír dignamente e non facendo as mesmas políticas que se facían antes", asegurou Fernández, que lembrou que Ferrol en Común chegou en 2015 coa "mensaxe de cambialo todo". "Cambiar non é continuar coas mesmas políticas que facían os anteriores gobernos e por iso dámoslle a posibilidade de rectificar, para que se poida ir dunha maneira máis digna", apuntou.

Fernández destacou que sería necesario "empezar unha nova lexislatura sen un conflito ao que nos está expoñendo" e avisou de que, de non rectificar, adoptarán outras medidas, como levar este asunto primeiro presentado unha reposición e logo pola vía do contencioso".

FIRMA

En concreto, o alcalde de Ferrol en funcións, Jorge Suárez, asinou unha resolución, con data de 29 de maio, tres días despois das eleccións municipais, na que outorga "un complemento de produtividade" a dous funcionarios do Centro de Recursos Informáticos (CRI), coa máxima cantidade económica posible, concretamente 3.000 euros a percibir de forma trimestral.

A xunta de persoal asegura que teñen constancia dun terceiro beneficiario, aínda que non achegaron máis datos sobre contías e departamento no que está destinado o traballador público beneficiado.

FERROL. EUROPA PRESS.
FERROL. EUROPA PRESS. | Fonte: Europa Press

Temas: FERROL CCOO UXT CIG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta