Democracia Ourensana di que se votará a si mesma se non hai acordos con PP e PSOE

Deste xeito, os socialistas gobernarían o concello e os populares a deputación. Jácome mantén como obxectivo principal a alcaldía e, de conseguilo, "obviamente" non pedirán a Deputación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2019 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

Os sete concelleiros que Democracia Ourensana obtivo nas pasadas eleccións municipais no Concello de Ourense votarán ao portavoz da súa formación, Gonzalo Pérez Jácome, como candidato á Alcaldía na sesión de investidura do próximo sábado. "Iso é totalmente seguro", dixo Jácome.

Chegados a este punto, a formación espera "chegar a un acordo antes do sábado" e, para iso, confía en "sumar os suficientes para ter a maioría absoluta, ben sexa co PP ou co PSOE", sostivo este mércores o seu candidato á alcaldía.

Jácome asegurou que recibiu estes días "un clamor social" a través das súas redes sociais, nas que os seus seguidores lle piden "botar a Baltar". A este respecto, sostivo que "se agora mesmo se releva a Deputación pode mellorar algo Ourense pero o cambio en Ourense pasa porque DO teña a alcaldía".

BOTAR A BALTAR "XA É DISTINTO"

A decisión de botar a Baltar, sostida ao longo de toda a súa campaña electoral, xa non se mostra tan clara para Jácome. "Cando as cousas están condicionadas, como neste caso que todos temos a chave doutros, xa é distinto", explicou.

Diferente tamén sería a súa postura se eles fosen a única chave para formar goberno. "Obviamente na nosa carta aos Reis Meigos pediriamos botar a Baltar", sostivo, se fose este o caso. Preguntado abertamente por se Baltar é un impedimento en calquera posible acordo, Jácome remitiuse a unha frase pronunciada en numerosas ocasións: "Pactariamos co demo se nos trae o ceo para Ourense".

DO NON PIDE A DEPUTACIÓN

"A condición que temos agora mesmo é que queremos catro anos na alcaldía. Obviamente, non imos pedir a Deputación", mantivo Jácome este mércores. Co cal, deixa ao "descarte" o que suceda co ente provincial.

Jácome negou propor ao PSOE gobernar dous anos cada un o Concello de Ourense. "A iniciativa é dos socialistas e nós dixemos que non", dixo. "Ao estar en xogo as dúas administracións ben se poden repartir, xa sexa co PP ou co PSOE", aclarou.

CONTINÚAN AS NEGOCIACIÓNS

Polo momento, continúan as negociacións con todas as partes. "Somos os máis abertos ao diálogo, mesmo falamos con Cidadáns sobre o Concello a pesar de non ter a chave da gobernabilidade na cidade", sinalou Jácome.

Neste punto, sostivo que "non" están máis próximos a calquera tipo de acordo co PP que co PSOE. Seguirá a rolda de negociacións con ambos e espera obter unha conformidade antes do sábado.

Gonzalo Jácome, líder de DO / EUROPA PRESS - Arquivo / Europa Press
Gonzalo Jácome, líder de DO / EUROPA PRESS - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Burgalessi

Democracia "Orensana" e o seu lider só son posibles nun sistema podre e decadente coma o Baltarato. Jácome é o Falabarato, máis veleta que Albert primo de Rivera. O seu programa electoral é delirante. Istes localismos son equiparables á peste ppeira, cs e vox. Qué triste!

1 666 OURENSE