Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2019 | Actualizada ás 19:39
A Xunta de Galicia, da man da conselleira do Mar, Rosa Quintana, afirmou que o servizo de Salvamento Marítimo está a prestarse "co mesmo rigor e calidade" a pesar da folga convocada polo Sindicato Español de Pilotos de Líneas Aéreas (Sepla) en Babcock, a compañía que opera os helicópteros de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia.
Así o indicou a titular do departamento de Mar en resposta a unha pregunta efecutada pola deputada Paula Quinteiro (En Marea) durante a sesión plenaria celebrada este mércores no Parlamento de Galicia.
Deste xeito, Quintana incidiu en que a súa Consellería fixou uns servizos mínimos do 100% o pasado 16 de maio para o servizo de helicópteros do Servizo de Gardacostas e Salvamento Marítimo, que debe "permanecer operativas na súa totalidade" para poder atender as emerxencias marítimas que se poidan producir durante o período de folga.
Así mesmo, asegurou que mantivo dous encontros para coñecer as demandas dos traballadores, cos que o seu departamento "mantén contactos case diarios". "Estas reunións e contactos, xunto a un seguimento continuo por parte dos responsables da Subdirección de Gardacostas e a Secretaría Xeral Técnica, son a fórmula para verificar a cada paso que se cumpre a legalidade vixente e o contrato subscrito", incidiu Quintana.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.