Desarticulado un grupo especializado en estafas por Internet tras unha denuncia realizada en Galicia

Os investigados enganaban a vendedores de teléfonos para que llos enviasen sen pagarlles.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Garda Civil desarticulou un grupo criminal con ramificacións en varias provincias de España, especializado en estafas a través de Internet, nunha investigación bautizada como 'Operación Silver 7' e que se iniciou tras a presentación dunha denuncia por parte dun veciño de Ponte Caldelas

Garda Civil. RADIO GALEGA
Garda Civil. RADIO GALEGA

Segundo informou a Garda Civil, esta denuncia interpúxose en novembro do ano pasado por parte dunha persoa que asegurou que fora enganada nunha operación de compravenda dun teléfono móbil por Internet.

As pescudas permitiron identificar e desarticular a un grupo organizado ao que se lle atribúe a comisión de máis de 100 estafas na compra fraudulenta de case 300 teléfonos móbiles.

Como resultado desta investigación foron detidas 8 persoas en 11 provincias (Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Almería, Málaga, Granada, Guadalaxara, León, Salamanca e Xirona), e hai 15 investigados.

MODUS OPERANDI

Os investigados contactaban coas vítimas a través dunha aplicación web para a compravenda de produtos de segunda man. Así, facíanse pasar por compradores interesados en teléfonos móbiles.

Cando acordaban unha compra con alguén, facíanlles crer que transferiran o importe pactado a través da aplicación, pero aseguraban que había un problema na transacción porque ingresaran máis diñeiro do acordado. Para desbloquear a operación e enganando aos vendedores, pedíanlles que lles enviasen o teléfono e o diñeiro de máis que supostamente pagaran (entre 300 e 400 euros).

Tras recibir os terminais móbiles, os revendían á súa vez por Internet, ou en establecementos de compravenda de obxectos de segunda man e o diñeiro recadado enviábano a outras persoas (que supostamente residían en Nixeria).

A investigación foi levada a cabo polo equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cangas, en cooperación con efectivos da Comisaría de Policía Nacional de Valencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta