O sector aeronáutico galego prevé crear 150 empregos este ano

Estas previsións danse despois dun bienio de 2017 e 2018 no que o sector non acadou o crecemento "agardado" en Galicia en comparación co avance da industria a nivel mundial

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2019 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

O sector aeronáutico galego conta con "boas" perspectivas, xa que prevé neste 2019 crear 150 empregos directos, até un total de 1.350, e aumentar a facturación en torno ao 5 por cento. Así o destacou o presidente do Consorcio Aeronáutico Gallego (CAG), Enrique Mallón, en rolda de prensa para presentar o III Congreso Aeronáutico e Espacial, que se celebrará na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, o 27 de xuño.

Avión de Aer Lingus
Avión de Aer Lingus | Fonte: AER LINGUS

Logo dun bienio de 2017 e 2018 no que o sector non acadou o crecemento "agardado" en Galicia en comparación co avance da industria a nivel mundial. Actualmente hai 1.200 traballadores na aeronáutica (soben un 3% respecto de 2017), mentres a facturación tivo unha lixeira alza do 2% até os 130 millóns de euros, lonxe do 10% marcado para estes anos, aínda que van oito anos consecutivos de avance.

Por iso, Enrique Mallón asegura que a aeronáutica será un dos sectores na Comunidade galega, xunto coa eólica mariña, que "máis vai crecer nos próximos anos". Aquí, incide na importancia de que empresas medias galegas como Coasa, Delta Vigo e Utingal, xunto a compañías "tractoras" estranxeiras, tiren do sector.

Agora, "o reto" é dar a coñecer a capacidade do sector galego ante o "déficit de promoción" para ter un crecemento "cuantitativo máis relevante", nun contexto competitivo por parte de Portugal. Para iso, promocionarase no próximo ano e medio en cinco feiras en París, Múnic, Berlín, Tolouse e Sevilla. "Debemos facer máis", recoñece o presidente do Consorcio.

Na actualidade as empresas galegas realizan unha subministración de primeiro e segundo nivel á industria para compañías "líderes" como Boeing ou Airbus. Fabrican partes da "práctica totalidade" dun avión: tren de aterraxe, portas, ás, estabilizadores para a cola, sistemas e até motores (con dúas empresas como Precisgal e Ganain).

CONGRESO

O III Congreso Aeronáutico e Espacial reunirá a 200 empresas en Compostela, con nomes como Boeing, así como a diferentes institucións, nunha edición na que aumenta o seu peso internacional.

Contará coa presenza de representantes da industria aeroespacial do coñecido como "milagre" de Querétaro (México), unha das cinco zonas que máis crecen no mundo na última década, que abordarán a súa intención de manter relacións con Europa. Tamén estará unha "auténtica figura" no sector como o responsable de I+D de Boeing, Larry Ley, que falará sobre o "pasado e futuro" da empresa estadounidense.

Ademais, compañías como Indra e Babcock darán conta do proxecto que lideran na base de drones de Rozas, no municipio lucense de Castro de Rei. A secretaria técnica do Consorcio Aeronáutico Gallego, Jennifer González, foi a encargada de debullar o programa desta cita, que arrincará ás 9,00 horas do 27 de xuño. Esta será a primeira vez que o congreso se celebre na capital de Galicia, após dúas edicións que tiveron lugar en Vigo.

Entre outros relatores, neste congreso estarán o director do Aeroclúster de Querétaro, Antonio Velázquez; o director de Vehículos Aéreos de Indra, Javier Barcala; o director de I+D+i de Babcock España, José Luís Saiz; o catedrático da Universidade da Coruña Santiago Hernández; e o socio fundador de S4A Solutions For Aviation, Adolfo Sánchez Manso. O peche correrá a cargo do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta