Traballadores dos PAC concéntrase diante do Sergas para reivindicar unha reunión

Levaron cubiños de xeo para escenificar que parte do seu soldo "está conxelado desde 2010".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2019 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

Traballadores dos Puntos de Atención Continuada (PAC) de Galicia concentráronse na tarde deste xoves diante da sede do Servizo Galego de Saúde (Sergas) en San Lázaro, coincidindo cunha nova reunión do Consello Técnico de Atención Primaria, para reivindicar negociación e denunciar que parte do seu soldo "segue conxelado" desde 2010.

Traballadores dos PAC de Galicia concéntrase diante do Sergas para reivindicar unha reunión
Traballadores dos PAC de Galicia concéntrase diante do Sergas para reivindicar unha reunión | Fonte: Europa Press

A portavoz do comité de folga, Ana Boedo, explicou que no marco das medidas de mellora de Atención Primaria que se abordan no Consello Técnico "vanse repartir 20 millóns de euros". "E o 20% dos nosos complementos están conxelados desde 2010", abundou en relación a "cen euros ao mes".

Por iso, reivindican ao Sergas que "mire un pouco polo persoal da PAC". Neste sentido, a portavoz do comité de folga lembrou que o pasado 14 de maio solicitaron unha reunión co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e co xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, que non se materializou. "Pedimos que alguén nos poida ouvir", apostilou Boedo.

Para escenificar o "chan conxelado" os concentrados acudiron cun "kit de praia" e "cubiños de xeo", ademais da compañía dunha persoa que fixo soar unha gaita. A protesta desenvolveuse baixo lemas como 'Polo cumprimento do pacto de 2008', 'Condicións laborais dignas' ou 'PACs en pé de Guerra'.

Así mesmo, apuntou Ana Boedo, con esta nova proposta tamén pon de manifesto a falta de resposta á petición de mediación realizada o pasado 24 de maio. "Non hai interese ningún por achegar posturas", reprochan ao Sergas.

A portavoz do comité de folga incidiu en que os traballadores da PAC de Galicia seguen "moi motivados nas súas reivindicacións" para continuar a folga indefinida que manteñen desde xaneiro.

Nesta liña, Boedo ratificou que os traballadores seguirán nas súas respectivas áreas con reunións e asembleas. 

Os traballadores da PAC continuarán en folga e mostraron "a súa preocupación" para afrontar o seu traballo durante o verán tras "os últimos incumprimentos dos servizos mínimos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta