Guillerme Vázquez, ex-portavoz nacional do BNG, critica as investiduras de dous alcaldes nacionalistas cos votos do PP

O ex-dirixente do Bloque arremete contra Xoán Castaño en Catoira e Xosé Emilio Barros en Mondariz por aceptar o bastón de mando tras recibir os votos do Partido Popular. A concelleira María Paz critica as súas palabras por causar unha "dor profunda" aos que integran o Bloque nestas localidades.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/06/2019 | Actualizada ás 11:18

Comparte esta noticia

A chegada ao poder do BNG en Catoira e Mondariz segue xerando gran polémica e intensos debates no seo do partido, polo apoio prestado polo PP aos candidatos nacionalistas destas localidades para evitar gobernos do PSOE. Ás voces críticas súmase agora o histórico dirixente Guillerme Vázquez, quen foi portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego entre 2009 e 2012.

Guillerme Vázquez
Guillerme Vázquez | Fonte: Queremos Galego.

Vázquez publicou en Facebook: "Pois si eu fose concelleiro, que non o son, nin por activa ou pasiva permitiría que os votos do PP me fixesen alcalde. Así o penso e con toda claridade así o digo".

O ex-dirixente do Bloque arremete así contra  Xoán Castaño en Catoira e Xosé Emilio Barros en Mondariz por aceptar o bastón de mando tras recibir os votos do Partido Popular. Dous casos que xeraron moito malestar en parte da dirección e da militancia do BNG, aínda que tamén apoios que xustifican aceptar o favor do PP polas circunstancias locais particulares.

Unha das voces máis críticas co comentario de Vázquez é a concelleira nacionalista en Catoira María Paz, quen acusa o ex-dirixente de causar unha "dor profunda" coas súas palabras ao grupo local do BNG.

"En Catoira, desde a dor profunda que nos causan as túas palabras, aceptámolas con moito respecto e humildade. Hai un refrán moi sabio que di que para xulgar a alguén hai que poñerse nos seus zapatos e andar cen leguas. Eu non podería andar por Catoira e mirarlle ós ollos ós meus veciños e veciñas se permito que teñan que sufrir un cacique como García catro anos máis", en referencia ao xa ex-alcalde socialista Alberto García.

María Paz di asumir a responsabilidade da decisión tomada no BNG de Catoira, que contradí as directrices da dirección nacional do partido: "Asumirei as consecuencias dos meus actos coa conciencia ben tranquila e a cabeza ben alta", remata na súa resposta a Vázquez.

A publicación do ex-portavoz nacional do Bloque xerou gran controversia, con comentarios ao seu favor, pero tamén en contra. Os que defenden as investiduras de dous alcaldes do BNG co apoio do PP argúen que eran necesarias para rexenerar a vida política en Catoira e Mondariz, e defenden que non houbo nin conversas nin pactos ou acordos co PP. En definitiva, aseguran que os populares decidiron motu proprio regalar os seus votos aos nacionalistas. Pola contra, os que critican estas dúas investiduras cren que traizoaron os principios fundamentais do BNG e que se desobedeceu a dirección nacional.

O certo é que o acontecido en Catoira e Mondariz está creando enormes tensións no BNG, onde se busca resolver esta incómoda situación.

DOUS CASOS CON MATICES DIFERENTES

Aínda que ambos os dous casos xeraron controversia, xa que os candidatos do BNG chegaron ao poder do mesmo xeito, co apoio expreso do PP, no Bloque diferencian o acontecido en Catoira e Mondariz.

No primeiro caso, a dirección reiterou antes e despois da investidura o seu malestar polas conversas mantidas polos seus representantes en Catoira cos conservadores, recoñecidas por ambas as partes, e que derivaron no apoio do PP á investidura de Xoán Castaño, acusado de desobedecer a dirección nacional. O BNG local xustifica o acordo para botar da alcaldía ao socialista Alberto García, ao que cualifican como un "cacique" que gobernou a localidade durante tres décadas. 

No caso de Mondariz, as críticas na dirección rebáixanse, xa que aseguran, como fai o grupo local, que non houbo en ningún caso encontros cos populares., que terían decidido por si sós apoiar o nacionalista Xosé Emilio Barros, segundo fontes do BNG. Porén, desde o Partido Popular, o seu portavoz local, Iván Caamaño, asegurou que investiron o candidato do BNG coa "condición" de que en "30 días" se organice un goberno de coalición, ao entender que o Bloque "non pode gobernar só con tres edís".

Por parte do PP, houbo autorización da dirección provincial (onde manda Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta) para chegar a acordos cos nacionalistas e facilitar estes gobernos. Pero avisan de que pedirán contraprestacións, mesmo asumir algunha concellería, o que daría lugar no futuro a gobernos de coalición entre BNG e PP, algo que na dirección do BNG non contemplan, aínda que o xa alcalde de Catoira, Xoán Castaño, non pechou esa porta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 A come-lo caldo

O mellor que lle pasou ao ensino e ao bloque foi a xubilación de Guillerme.

2 Pita

Non o criticou cando un da UPG se fixo alcalde de Ares

1 Andres

Isto que se fala eiqui é amarelismo non é nada en comparación con que os rupturistas aceptaran os votos de Valls en Barcelona contra o soberanismo catalá,ou o Psoe permitindo ao PP en Fene, ou Ribeiro en Común permitindo ao PP en Ribadavia, ou Iglesias e Yoli postulandose de ministros,cando criticaban ao Bng de coogobernar co Psoe.En total nada que reprochar en Catoira e Mondariz, e senon que devolvan Fene ao Bng.

1 Gaiker

Xa, os vosos peidos non feden...