Sobe un 38,4% o número de denuncias por violencia de xénero no primeiro trimestre en Galicia

A cifra ascende a 1.736 denuncias, e solicitáronse 433 ordes de protección.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2019 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

Os xulgados galegos recibiron no primeiro trimestre deste ano 1.736 denuncias por violencia de xénero, un 38,4% máis que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.254, segundo os datos estatísticos feitos públicos este luns polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ).

Así, segundo explicou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nun comunicado, a "gran maioría" das denuncias (1.390) chegaron aos xulgados a través de ateigados policiais con denuncia da vítima. Tamén aumentaron o número de mulleres que aparecen como vítimas, de 1.345 no tres primeiros meses do ano pasado, ás 1.520 deste exercicio, o que supón un aumento do 13%.

Os mesmos datos sinalan que en Galicia practicamente se mantiveron os casos de vítimas que se acollen á dispensa para non declarar. Se no tres primeiros meses de 2018 optaron por esta opción 76 mulleres, no primeiro trimestre deste ano fixérono 75, é dicir, o 4,3% das vítimas.

Galicia situouse como unha das autonomías cunha das taxas de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) máis baixas do Estado, con 10,86 persoas, fronte ás 16,11 onde se sitúa a media española.

ORDES DE PROTECCIÓN

Así mesmo, durante o primeiro trimestre deste ano solicitáronse 433 ordes de protección nos órganos xudiciais galegos, fronte ás 459 de 2018, o que implica unha diminución do 5,7%. Das 433 adoptáronse 261, máis do 60%.

O TSXG destacou que o 82,32% das persoas axuizadas na comunidade galega por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo foron condenadas. Este dato sitúa a Galicia por baixo das media estatal, que é do 86,07%.

"As conclusións destes datos estatísticos han de ser interpretadas tendo en conta a folga de funcionarios levada a cabo entre febreiro e maio de 2018", indicou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

As vítimas de violencia de xénero crecen un 4,1% en Galicia, ata as 1.306
As vítimas de violencia de xénero crecen un 4,1% en Galicia, ata as 1.306

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta