A necesidade de xestión cultural en Galicia: dependencia do diñeiro público, precariedade e voluntarismo

Marcos Lorenzo e Sergio Lago analizan no libro "A xestión cultural en Galicia" o panorama dunha industria cultural galega dependente do diñeiro público, aínda tocada pola crise económica e a necesidade de cambios estruturais profundos.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A xestión cultural en Galicia debería ter desenvolto unha industria ou tecido económico ao seu redor, se acaso, todas as  potencialidades e dinámicas desa industria fosen aproveitadas ao cento por cento. Mais a cuestión é que pasado o tempo, a pesar de toda unha serie de infraestruturas materiais e inmateriais, a xestión de espazos fóra, mais tamén dentro, das grandes infraestruturas semella esquecida e escasamente abordada.

Un momento da presentación do libro 'A xestión cultural en Galicia'
Un momento da presentación do libro 'A xestión cultural en Galicia' | Fonte: Ruth Sousa

Esta hipótese marcou o camiño de saída primeiramente para a creación do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural, da Universidade de Santiago de Compostela e que botou a andar en 2014. O curso contou coa aportación de persoas vinculadas ao mundo da xestión cultural, que achegaron as diferentes visións sobre este campo para a formación de novas promocións de xestores e xestoras culturais.

E froito de distintos debates e experiencias compartidas sobre o mundo da cultura en Galicia xurdiu o libro A xestión cultural en Galicia. Unha visión panorámica e actual. Este documento é consecuencia do curso de posgrao sobre xestión cultural da USC. Os seus editores, Sergio Lago e Marcos Lorenzo, recolleron unha serie de traballos de persoas implicadas coa xestión das diferentes áreas que compoñen o mundo cultural actualmente no país.

A necesidade deste libro viña de termos máis material didáctico para os alumnos e alumnas do posgrao sobre xestión cultural e ademais isto tamén se xungue coa necesidade da existencia deste tipo de documentos dentro do tecido cultural galego” di Marcos Lorenzo, un dos editores do libro. Con todo, Lorenzo non deixa de apuntar a necesidade de promover unha reflexión colectiva sobre como se está traballando en cultura, pensando sobre todo en necesidades  problemáticas existentes. “Así tentamos unir dúas cousas, por unha banda o didáctico e doutra introducir unha serie de referentes para a reflexión por parte de expertos e profesionais sobre o estado da xestión cultural en Galicia”, apuntaba na presentación.

A visión que ofrece A xestión cultural en Galicia. Unha visión panorámica e actual, “é unha visión coral en Galicia, sobre todo dos axentes que fan moitos traballos, algúns moi recoñecidos fóra mais que non teñen sempre a visibilidade aquí, por iso viamos a necesidade de mostrar o parecer dos xestores de aquí” quere remarcar Sergio Lago, tamén editor do libro.

Os autores con Gonzalo Rodríguez e Isabel Neira, prologuistas do libro
Os autores con Gonzalo Rodríguez e Isabel Neira, prologuistas do libro | Fonte: Ruth Sousa

DESENVOLVER A INDUSTRIA

O desenvolvemento dunha industria cultural capaz de competir en ámbitos nacionais e internacionais, vai ligado en moitos casos ao investimento realizado desde institucións públicas e privadas. Ambas as dúas aproveitarían un marco socio-político que permitise ese desenvolvemento da cultura como industria que devolve un retorno ao investidor. Preguntados sobre o por que non se desenvolveu unha industria cultural forte, logo de case corenta anos con competencias case exclusivas en cultura por parte da Xunta de Galicia, Marcos Lorenzo afirma que “podería dicir, e aparece nun dos artigos do libro, que apenas houbo políticas culturais en Galicia e as estratexias desde o sector público, pois é o que ten capacidade económica para condicionar o funcionamento da cultura en Galicia en conxunto, se non hai unha planificación e unhas liñas estratéxicas, todo queda en pouco máis que un “deixa facer””.

Iso no que tocaría ao sector público, porque o tecido privado, freelances, autónomos etc., é moi pequeno, está moi atomizado, “entón cada un deses elementos por si só é moi improbable que consiga ter unha proxección mínima para poder crear industria e proxectarse en mercados exteriores” engade Lorenzo.

O apuntado no parágrafo anterior foi un dos detonantes para que a Unión Europea propicie a cooperación entre empresas, e que intenten crear iniciativas con capacidades intermedias para enfrontar proxectos máis ambiciosos. “Aquí temos moi escasa industria cultural, paréceme un termo algo inapropiado para definir o conxunto das empresas do país” di Lorenzo baseándose en que industria implica produción en serie, falando case en exclusiva do libro e da música.

Pola súa banda, Sergio Lago, quen dirixira o Culturgal por dúas ocasións relata que “daquela tocárame defender o concepto de industria cultural galega, durante un momento terrible desde o punto de vista económico” (entre os peores anos da crise económica). “Mais tamén é unha cuestión de uso de termos, durante o seu momento tiña o seu sentido poñer en valor o valor económico da actividade profesional dentro da cultura, e industria cultural  permitiu, por estar dentro dun discurso máis xeralizado, poñer  en valor ese traballo e toda actividade económica dentro do ámbito cultural”.

A cuestión terminolóxica, chamarlle industria cultural, acabou “sendo todo, a cultura acaba en cifras ou en emprego e actividade económica, cando a cultura ten outros moitos intanxibles que a converten nunha actividade esencial” sinala Lago. “Ao mellor é excesivo falar de industria, mais si que hai un sector profesional en Galicia, por exemplo o audiovisual, onde hai empresas abondo importantes, no ámbito musical onde hai un abano de medianas e pequenas empresas como no ámbito de artes escénicas” describe Sergio Lago. Nese sentido para os dous autores, estaríase a revertebrar un sector onde cada vez hai máis organizacións, “pois o sector arredor da cultura en Galicia é importante e que están a facer as cousas bastante ben”.


RESISTENCIA, CRISE E VOLUNTARISMO

Un dos textos recolle o termo “cultura de resistencia” apuntando o modelo galego como unha sorte de elemento que resiste a pesar dos problemas da economía, entre os máis importantes a redución dos orzamentos públicos para cultura, tamén unha baixa nos consumos culturais da cidadanía. “Unha estimación sobre, que supuxo unha redución nos patrocinios das empresas privadas, simplemente pola desaparición das caixas de aforros?” pregunta Marcos Lorenzo. Este factor implicou, segundo o editor, que “en conxunto, todo sumado, porque non sabemos canto baixaron os patrocinios en xeral de empresas, a baixa foi de 500 millóns de euros sobre o sistema cultural galego”. O impacto para todo o sistema cultural en Galicia foi, segundo Lorenzo, debastador.

Ese mesmo impacto traduciuse, segundo os autores, en que a destrución de emprego dentro do sector cultural galego levou por diante un terzo dos e das traballadoras empregadas en Galicia. “En termos xerais pode haber unha mellora, mais lenta e moi paulatina, e creo que hai que afacerse a unhas condicións comerciais e laborais peores que ao comezo da crise”, sinala Lorenzo.

Sobre o emprego dentro do sector cultural, Lago e Lorenzo sinalan que o traballo está devaluado á metade sobre o que se pagaba antes. Non obstante, “houbo unha recuperación significativa mais a base de interiorizar que os estándares laborais no sector son de subsistencia case”  di Lorenzo. “Aquí se cadra, ás veces unha das cousas que máis debatemos, é sobre a precariedade actual, mais non creo que sexa tan distinta se comparamos con ámbitos como a hostelería, as “kellis” ou empresas de reparto” apunta Lago, que ve como “está emerxento tamén unha sorte de resposta ante este tipo de condicións que están moi por debaixo do que deberan ser” e “no caso da cultura, o mesmo que outros sectores, está ese entusiasmo que ás veces cubre ese oco que nos falta de cubrir de salario”.

Ese sentimento de “pertenza” ou de “estar facendo algo remarcable”,  o que os autores desciben como “entusiasmo”, é unha resposta que “non ten moitas veces resposta no económico, mais podería recompensarse con outras cousas, pois se cadra iso é contra o que hai que enfrontarse” matiza Sergio Lago. Debérase engadir que en moitos casos, empresariado, traballo, difusión e toda a cadea de valor que crea  unha industria, no terreo cultural “son a mesma persoa ás veces ou o mesmo conxunto de persoas, cousa que trae moitas veces casos de autoexplotación” como descibre Lago.

“Un profesor do noso posgrao, Pau Rosell, di que hai unha competencia enorme, é como un exército de reserva, hai moitos empregados que estarían dispostos a entrar e ocupar un posto de traballo, entón é importante dividir os salarios” di Marcos Lorenzo, que conclúe “hai moita xente que está disposta a traballar sen cobrar, ou mesmo pagando para traballar en cultura, iso tiro das remuneracións á baixa esa é unha circunstancia estrutural, case de teoría económica”.

Algunhas das conclusións deste traballo, A xestión cultural en Galicia, sería por exemplo, a enorme dependencia do sector cultural das axudas ou iniciativas da administración pública. “Pois cando pecha a billa e, razoablemente, cando hai necesidades de subsistencia básica, as administracións dedicen pechar a billa, iso implica a miseria de moita xente que traballa no sector” conclúe Marcos Lorenzo. “Si pero agora mesmo existen debates dentro das empresas que implican o que é a contratación pública, tamén falta un aspecto máis sindical dentro dos traballadores da cultura que poñan en común para ter canles para defenderse, pois as canles agora son moi individuais” sinala Sergio Lago.

Cal sería o punto de partida para o desenvolvemento da industria cultural en Galicia? “Para min, que se soubese onde se quere ir con estratexias ben definidas e que se leven adiante, que non sexa un paripé” di Lorenzo.

Os autores Marcos Lorenzo e Sergio Lago durante a presentación do libro
Os autores Marcos Lorenzo e Sergio Lago durante a presentación do libro | Fonte: Ruth Sousa
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta