Veciños de Ordes e Coristanto denuncian irregularidades coa liña de alta tensión que sae dos parques eólicos

Desde as áreas afectadas pola liña de transporte eléctrico, veciños e veciñas presentan alegacións diante da Xunta a esta infraestrutura. O prazo de presentación de alegacións remata este martes 18 de xuño.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2019 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

A Plataforma Non Eólicos Bustelo – Campelo – Monte Toural, emitiu un comunicado para animar aos demais veciños e veciñas que presenten alegacións contra a liña de alta tensión (L.A.T.) que conduciría a enerxía producida por muíños eólicos en O Campelo (Coristanco) cara O Mesón do Vento, no Concello de Ordes. O motivo é o “rexeitamento” ao proxecto de L.A.T., que forman parte do máis amplo plano para os campos de muíños eólicos de Bustelo, Campelo e Monte Toural.

Manifestación en defensa da comarca de Ordes.. PLATAFORMA NON EÓLICOS EN ORDES
Manifestación en defensa da comarca de Ordes.. PLATAFORMA NON EÓLICOS EN ORDES

A Plataforma apunta ademais, que “estes días está en exposición pública a modificación do proxecto da L.A.T. o cal” consideran as veciñas e veciños que “presenta varias irregularidades ademais dos danos paisaxísticos e medioambientais que poderían ser irreparables”.

Sobre as consecuencias que tería a colocación da liña de alta tensión, a Plataforma Non Eólicos sinala que dentro do “ámbito ecolóxico, cabe destacar que a liña sairía do Campelo, en Coristanco, xusto ao carón da Lagoa de Alcaián, en pleno entorno da Braña Rubia”. Este lugar, segundo informa a Plataforma está “catalogado como de especial protección paisaxística e con varias especies protexidas, tanto animais como vexetais, e mesmo algunhas catalogadas en perigo de extinción e que só se poden atopar neste lugar do planeta”.

Apuntan ademais que “en concellos como o de Tordoia,  o proxecto sería contrario ao seu PXOM que establece a prohibición das liñas de alta tensión nos núcleos de poboación tal e como están proxectados”. E sinalan tamén no seu comunicado que “a normativa que regula este tipo de infraestruturas indica que, cando existe outra liña paralela ao traxecto, debe desdobrarse para evacuar a través dela a enerxía”.

“Existe xa unha liña de alta tensión que vai desde Vimianzo ata o Mesón do Vento. Conectar o Campelo con esta liña existente suporía a instalación de 4km de cable, fronte aos practicamente 40 que implica o proxecto actual que ademais irían paralelos á outra liña”. Desde a Plataforma sinalan que os veciños e veciñas non lle verían sentido ningún a esta nova liña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta