A Xunta dará axudas de ata 8.000 euros a retornados que sexan socios traballadores de sociedades mercantís

Estas axudas estaban reservadas para os que adquirisen a forma xurídica de autónomos, sociedades laborais ou cooperativas de traballo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2019 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

A Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia anunciou que admitirá os socios traballadores de sociedades mercantís nas Axudas ao Retornado Emprendedor, ata agora reservadas para os que adquirisen a forma xurídica de autónomos, sociedades laborais ou cooperativas de traballo.

Emprendemento.
Emprendemento.

O investimento total da Xunta nestas axudas é de ao redor de 200.000 euros, cun máximo de 8.000 para cada beneficiario. Así, a subvención conta cunha parte fixa de 5.000 euros, que aumenta en 1.000 en caso de ser muller e en 2.000 máis para os negocios desenvolvidos no rural.

O Executivo autonómico engade tamén que o prazo para solicitar as axudas, destinadas a cubrir os gastos de establecemento das empresas e cuxa investimento total se mantén con respecto ao ano pasado, rematará o próximo 30 de setembro.

"Esta ampliación de posibles beneficiarios permitirá a moitos retornados acceder a esta liña, que desde a súa posta en marcha, en 2013, permitiu facer realidade máis de 125 proxectos empresariais en toda Galicia", explicou o Goberno galego.

Para poder optar á subvención, os candidatos terán que achegar un plan de negocio empresarial que terá que contar cun informe de viabilidade económica e financeira dunha entidade financeira independente, como poden ser a unidade Galicia Emprende e os axentes de emprego e desenvolvemento local, segundo figura nas bases da convocatoria.

O Goberno galego detallou, tamén, que a este programa poderán acollerse tanto os propios galegos de nacemento como os seus cónxuxes ou persoas cunha unión análoga á conxugal e, tamén, os descendentes das persoas galegas e nadas en Galicia que, residindo fóra de España, se establezan en territotorio galego.

Así mesmo, os solicitantes deberán estar en posesión da nacionalidade española desde antes do seu retorno, que debeu producirse nun máximo de dous anos anteriores á data de presentación da solicitude. Tamén terán que residir e exercer a súa actividade laboral ou profesional en Galicia e non ser beneficiarios desta axuda para a mesma actividade en anteriores convocatorias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta