Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/06/2019 | Actualizada ás 10:48
A Seguridade Social gañou unha media de 676 cotizantes estranxeiros en maio en Galicia, un incremento do 1,83% en relación con abril, ata situar o total de inmigrantes ocupados en 37.688, segundo os datos que publica este mércores o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.
En comparación co quinto mes de 2018, o aumento dos estranxeiros afiliados á Seguridade Social é do 8,97% na comunidade galega. A distribución por réximes é de 29.832 no xeneral (25.460 no subtipo xeral, 1.255 no agrario e 3.118 no fogar), 6.568 autónomos e 1.288 do mar.
Ademais, os dados de alta no sistema en Galicia son 16.121 estranxeiros procedentes doutros países da Unión Europea e 21.567 extracomunitarios.
DATOS ESTATAIS
No conxunto estatal, a Seguridade Social gañou 68.749 cotizantes estranxeiros en maio (+3,3%), ata situarse o total de inmigrantes ocupados en 2.155.149 persoas.
Con este repunte, a afiliación de estranxeiros encadea catro meses consecutivos de ascensos tras gañar en febreiro, marzo e abril 18.500, 41.677 e 59.443 cotizantes, respectivamente.
ROMANESES, OS MÁIS NUMEROSOS
Ao finalizar o quinto mes do ano, un total de 1.265.626 cotizantes estranxeiros procedían de países extracomunitarios e o resto (889.522) de países da Unión Europea.
Do total de traballadores inmigrantes afiliados á Seguridade Social, os grupos máis numerosos proceden de Romanía (361.574 afiliados), Marrocos (279.965), Italia (126.779) e China (106.475).
Séguenlles os traballadores de Ecuador (75.170), Reino Unido (72.986), Colombia (70.887), Bulgaria (66.430) e Portugal (56.401).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.