Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 19/06/2019 | Actualizada ás 17:38
A Deputación da Coruña fixo entrega este mércores dos premios Concepción Arenal e de viñetas 'Muller e migrante' da área de Igualdade e Servizos Sociais, e que recaeron en centros de ensino de Miño, Carballo, Cambre e a cidade herculina, así como nenos e mozos da urbe coruñesa e de Ferrol.
O acto de entrega dos premios do certame de proxectos educativos pola igualdade 'Concepción Arenal' e do concurso de viñetas contou coa presenza da vicepresidenta provincial en funcións, Goretti Sanmartín. Tamén asistiron os deputados Xosé Regueira, Manuel Muíño, Antonio Leira e Xesús Soto.
Nel, lembrouse á que foi responsable da área de Igualdade, Ánxela Franco, recentemente falecida. Dela, Goretti Sanmartín subliñou que trasladou, durante a súa xestión, dúas "mensaxes claras". "Que para combater o machismo é necesario traballar coas xeracións máis novas para que as mulleres sexan libres e os mozos tamén sentan feministas e a segunda é non deixar nunca de pelexar", apostilou.
Representantes do CPI Castro Baxoi de Miño, do CEIP Xesús San Luís Romeu de Carballo e do IES David Buján de Cambre recolleron os premios Concepción Arenal, nun acto no que tamén recibiu unha mención especial o equipo do centro educativo Nosa Señora do Rosario, da Coruña. Por outra banda, o concurso de viñetas recaeu en mozas da cidade herculina e de Ferrol.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.