O teatro, unha arma para rachar coa exclusión social

A compañía da actriz catalana Blanca Marsillach está formada por actores e actrices diversas, igual que o é a sociedade. Entre os profesionais atópanse dúas persoas con diversidade funcional, e apostan por visibilizar e rachar patróns a favor da normalización do colectivo nas artes escénicas. Esta semana estiveron de xira por Galicia e o GC conversou coa propia Blanca Marsillach e cunha das actrices, Miriam Fernández.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 21/06/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Ao redor dunhas 50 persoas esperaban con ansia a obra teatral que a compañía de Blanca Marsillach tiña preparada para eles, como cada ano, na Residencia de Maiores de Porta do Camiño, en Santiago. Ese lugar que tanto serve para botar uns bailes de salón como para xogar unha partida á brisca, estaba este martes, 18 de xuño, acomodado para que o actor Jonas Alonso e a actriz Miriam Fernández representaran dúas pezas -"El oso" e "Petición de mano" - coas que levan xirando ao longo de todo o Estado por diferentes residencias de maiores ou para públicos con diversidade funcional.

A actriz e produtora Blanca Marsillach
A actriz e produtora Blanca Marsillach | Fonte: Woman

E é que esta compañía teatral fai unha aposta decidida pola integración das persoas con discapacidade no elenco de actores, e entende, ademais, que as artes escénicas son unha ferramenta terapéutica fundamental para elas. Tendo en conta que os escenarios deben ser unha representación do que é a propia realidade, a actriz Blanca Marsillach puxo o seu gran de area para que se normalizara a presenza de persoas diversas en calquera escena teatral. Ela mesma conta que comezou a interesarse pola faceta máis social do teatro nunha viaxe aos Estados Unidos: "vin unha actriz comprometida coa causa social e quixen dedicar a miña paixón, que é o teatro, para axudar aos demais".

Así é como Marsillach se foi convertendo na produtora e na impulsora de iniciativas coma esta. Dela forma parte, entre outras persoas, Miriam Fernández, que comezou a interesarse pola interpretación alá polo 2014, mais daquela xa tiña ben táboas enriba do escenario: foi gañadora da segunda edición do programa Tú si que vales e tamén participou no programa de televisión La Voz, ademais de traballar na radio. "Eu levo toda a vida cantando e hai cinco anos fixen un curso para actores con discapacidade. A partir de aí, Blanca quixo a catro de nós para formar parte do elenco habitual". Ela, que sempre vai ao compás do seu andador, tivo claro o que quería dende cativa e a determinación de non botarse atrás. "Hoxe en día podo dicir que a pesar de que houbera moita xente que me dicía hai anos que non me dedicara ás artes porque era complicado, e máis na miña situación - 'non vas ter papeis...' -, eu seguín adiante porque son moi cacheiruda!", conta riseira.

CONVIVENCIA E APRENDIZAXE COMPARTIDA

Miriam non fala de integración, fala de convivencia. "Convivir significa entender que toda diferenza é positiva e que todos podemos aprender de todos". Unha das cualidades destas representacións teatrais, que se desenvolven dende Varela Producciones e que contan co apoio da Xunta, é o papel activo que tamén adquire o público ao longo das obras e ao seu remate. As señoras e os señores da Residencia de Porta do Camiño implicáronse ben nas escenas teatrais e ata daban consellos aos intérpretes: "Estás moi ghuapo!", berráballe unha das mulleres ao personaxe, que se enfrontaba á súa primeira cita. Os actores buscaban a interacción e o certo é que público mesmo se fixo protagonista da escena cando unha das compañeiras da Residencia se animou a cantar Lela, de Castelao.

O público asistente
O público asistente

"Cando nós rematamos e sae o público - que normalmente ten discapacidade intelectual ou son maiores - daste conta de que son moi creativos e divertidos. Teñen unha maneira de pensar súper distinta da que hai moito que aprender", di Miriam, que valora o teatro como unha ferramenta para abrir a mente e quitar a vergoña e os medos. "Enriba do escenario todos somos iguais e tan diferentes á vez... Se a sociedade empezara a ver ás persoas con discapacidade como persoas das que tamén hai que aprender, remataría tanto paternalismo". Segundo Blanca," as limitacións están na propia mente", na percepción que ten a xente sobre a diversidade funcional... Cando esas limitacións desaparecen, xorden novos enfoques e nomas maneiras de disfrutar do teatro. Dun teatro onde todo o mundo ten o seu oco.

CAMPEONES: UN PUNTO DE INFLEXIÓN

Nin Blanca nin Miriam pasan por alto o éxito da película Campeones como un chanzo dado no camiño cara a normalización das persoas con diversidade funcional no ámbito das artes escénicas. O momento no que Jesús Vidal subiu recoller o Goya a mellor actor revelación converteuse nun feito dificilmente esquecible no mundo do cine español e viviuse como un paso adiante moi importante na loita pola visibilidade do colectivo, a igualdade e a diversidade. "Eu emocioneime especialmente porque Jesús é o meu amigo e é un profesional dos pés á cabeza, foi un premio a toda a súa carreira", conta Miriam.

"Campeones foi o reflexo dun cambio de etapa. Gustaríame que non quedara nalgo puntual e que fora o pistoletazo de saída cra a oportunidades máis amplas para os actores con discapacidade, que parece que somos poucos, pero non!". As palabras de Miriam casan ben coas de Blanca, que comenta que hai moito camiño por andar, pero que Campeones foi un punto a favor na normalización da situación. Miriam chama á formación a todas ás persoas que desexan ser actores e actrices. Á vista está que o escenario pode ser múltiple e diverso, que é posible rachar con patróns establecidos e construír, dende as artes, unha sociedade máis xusta.

O pai de Blanca, Adolfo Marsillach, que tamén foi un coñecido actor, director e escritor de teatro, deixoulle unha aprendizaxe que a actriz sempre ten en mente: "non son tan inxenuo como para pensar que o teatro pode cambiar a sociedade, pero pode axudar a espertala". Moitos azos, pois, para quen desde as artes esperta conciencias. 

Miriam Fernández, actriz na compañía Blanca Marsillach
Miriam Fernández, actriz na compañía Blanca Marsillach
Un momento da representación teatral 'Petición de Mano'
Un momento da representación teatral 'Petición de Mano'
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta