Falece o deputado do PSdeG Raúl Fernández tras padecer unha enfermidade

O PSdeG destaca nun comunicado que "foi un exemplo de honestidade, bo facer, traballo e dedicación ao longo de toda a súa traxectoria profesional e política, ademais dun compañeiro insubstituíble neste Grupo Parlamentario".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2019 | Actualizada ás 19:14

Comparte esta noticia



O deputado socialista Raúl Fernández --Castrelo do Val (Ourense), 1955-- faleceu este xoves, segundo informou o PSdeG, que mostra o seu pesar e traslada as súas condolencias a familia e amigos.

Raúl Fernández faleceu tras padecer unha enfermidade. O PSdeG destaca nun comunicado que "foi un exemplo de honestidade, bo facer, traballo e dedicación ao longo de toda a súa traxectoria profesional e política, ademais dun compañeiro insubstituíble neste Grupo Parlamentario".

Foi profesor desde 1982 en diversos municipios como Verín, Padrón, Boiro, Negreira, Castrelo do Val e Oímbra. Foi alcalde do seu pobo natal entre 1987 e 2005, momento no que foi designado delegado territorial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes polo Goberno de Emilio Pérez Touriño.

No ano 2011 volveu ser elixido concelleiro en Castrelo do Val. Foi deputado provincial e tamén estivo ao cargo da Secretaría do PSOE de Ourense. Foi deputado no Parlamento galego nas dúas últimas lexislaturas, nas que se encargou de áreas como infraestruturas.

A través das redes sociais, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, expresou a "fonda tristeza no socialismo galego" pola morte de Raúl Fernández, "quen traballou duramente moitos anos por unha sociedade máis xusta desde todas as responsabilidades que ocupou".
 

O deputado do PSdeG Raúl Fernández. EUROPA PRESS - Arquivo
O deputado do PSdeG Raúl Fernández. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta