Por que os grandes laboratorios non queren falar do desabastecemento das farmacias?

Os grandes laboratorios non aclaran por que existe actualmente un desabastecemento continuo de medicamentos. Enviados varios emails a senllas empresas químicas, algunhas contestaron mais sen entrar moito en materia. Outras non responderon

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/06/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As farmacéuticas non dan moitas respostas sobre o desabastecemento prolongado dalgúns medicamentos. Galicia Confidencial contactou algunhas das empresas con máis relevancia dentro do mercado farmacéutico. O obxectivo era poder coñecer a súa posición sobre este asunto así como ter algunha resposta sobre cando se podería solucionar a falta dalgúns compostos.

Farmacia copago. EUROPA PRESS - Arquivo
Farmacia copago. EUROPA PRESS - Arquivo

As consultas feitas foron en referencia a compostos específicos que faltan no mercado. Para ter visións diferentes, preguntamos a laboratorios que comercializan baixo nomes distintos o mesmo produto para a mesma sintomatoloxía.

ALGUNHAS RESPOSTAS

Comezamos por Cinfa, compañía que traballa o bupropión de 150 mg. A resposta de por que non hai dispoñibilidade do produto é que  “a demanda deste medicamento supera a capacidade de produción dos tres únicos laboratorios que o fabrican no noso país. De acordo á información achegada pola Axencia Española de Medicamentos, os tres laboratorios que fabrican  Bupropión 150 mg presentan problemas de subministración”.

A seguinte empresa que contactamos é GSK, tamén comercializadora do bupropión. A resposta desta farmacéutica é moi simple “debido a problemas na subministración do seu principio activo e a limitacións na fabricación/acondicionamento do produto, a subministración está a sufrir breves desabastecementos. Esta situación  durará todo 2019, polo que as restricións do produto manteranse de forma intermitente ata finais de ano, aínda que actualmente se está distribuíndo con normalidade”. Outra compañía que trata o bupropión é Sandoz, que non respode ao cuestionario. Outra grande da farmacéutica, Pfizer tampouco respondeu ás preguntas que se lle enviaron.

OS PREZOS E OS CUSTES

A resposta coa que máis insisten as farmacias é a de que os laboratorios gañan máis diñeiro vendendo fóra que dentro do Estado. Preguntada Cinfa sobre se existen outros prezos que melloren a oferta do Ministerio de Saúde, a resposta é que:  “Non existe ningún outro prezo autorizado en España para este medicamento. Os pacientes que o utilizan, sempre baixo prescrición médica, deben pagar unicamente a parte correspondente ao seu “copagamento”, en función da súa situación laboral”.

Fontes do sector das farmacias apuntan como posible orixe de todo o problema coa subministración, a concentración en poucos puntos da fabricación do medicamento. Os obxectivos, segundo as mesmas fontes, son económicos fundamentalmente. A compra de pequenos grupos polos máis grandes fai que desaparezan laboratorios. Isto trae como consecuencia concentrar a produción en poucos puntos. Logo está tamén o valor que teñan os produtos noutros mercados fóra do español.

A isto, as farmacéuticas responden de maneira afirmativa se os custes, tanto de produción como de transporte, encarecen o produto. Ademais engaden que “si, e todos estes elementos tómanse en conta pola Administración Sanitaria para establecer un prezo final para cada medicamento. No caso dos medicamentos xenéricos, ademais redúcese o prezo final nun 40%, para facilitar a accesibilidade dos pacientes”.

NEGOCIACIÓNS DOS PREZOS

Xa se apuntara en Galicia Confidencial a Mesa de Negociación entre farmacéuticas e varios ministerios. Desde Cinfa explican os procedementos da negociación. “Os prezos dos medicamentos establécense nunha Comisión  Interministerial formada por representantes de varios ministerios, e coa presenza das comunidades autónomas pero sen a participación da industria farmacéutica. Os laboratorios farmacéuticos poden aceptar ou non o prezo decidido por esta Comisión. En caso de non aceptalo, o medicamento non poderá ser financiado con fondos públicos”.

A isto engádese que a “Comisión  Interministerial de Prezos de Medicamentos reúnese periodicamente e as actas das súas reunións publícanse a continuación, contendo as decisións tomadas”. Ademais dos prezos dos medicamentos, existen moitos outros asuntos de negociación entre a Administración Sanitaria e os laboratorios farmacéuticos. No caso de  Cinfa “e dos medicamentos xenéricos en xeral, as conversas principais céntranse na maneira de aumentar a prescrición e dispensación dos medicamentos xenéricos. Neste aspecto, hai coincidencia de opinións entre o sector dos medicamentos xenéricos e a Administración Sanitaria”.

No caso dos medicamentos xenéricos, en España “existe un sistema moi avanzado de prezos de referencia. Os novos medicamentos xenéricos que se lanzan ao mercado teñen un prezo moi inferior ao medicamento de marca. Este prezo é revisado sucesivamente, cada mes, de modo que os prezos vanse reducindo co paso do tempo“.

No caso dos medicamentos de marca “no momento do seu lanzamento prodúcense negociacións entre o laboratorio e a Administración, ata chegar a un acordo tanto no prezo que o Sistema Nacional de Saúde pagará polo mesmo, como no esquema do pago (pago por resultados, pago en función do número de pacientes que o utilicen, etc...)”.

Por último, desde o sector farmacéutico consultado, apúntase que “os prezos de medicamentos noutros países a miúdo toman como referencia o prezo do fármaco en España. Nestes últimos anos, o gasto farmacéutico  per  cápita decreceu no noso país, a pesar de aumentar constantemente o número de receitas debido, entre outros factores, ao envellecemento da poboación”.

A actual crise para o fornecemento de medicamentos non acabará resolvéndose este ano. Os laboratorios falan de imposibilidade para satisfacer o mercado, mentres as farmacias apuntan os posibles maiores ingresos pola venda fóra de España. E outros actores implicados apuntan ás variacións mercantís dentro do mundo das famacéuticas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Non temos para pan, pero seguimos mercando estampiñas...? O neoliberalismo segue adiante sen compaixón algunha... Os cartos das farmaceuticas están por riba da nosa saúde, así o Sergas segue Administrando Morte !!! https://youtu.be/tNrxr1dVnkE Pero tamén teríamos que preguntarnos se podemos pagar calquera prezo por un medicamento milagre... Logo morremos de gripe, pero cunha saúde de carallo !!! Cura sempre hai... https://flic.kr/p/2fTD4vJ

1 NgUR

No solo son las farmacéuticas. También los distribuidores que prefieren vender sus productos en el extranjero porque obtienen mayor beneficio.