Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/06/2019 | Actualizada ás 10:00
Xosé Ramos, en representación do Movemento de Renovación Pedagóxica e como membro de Nova Escola Galega edo Pleno do Consello Escolar de Galicia, mostra nun comunicado remitido á presidencia deste Consello o "seu profundo malestar" respecto da "ausencia de debate e elaboración de propostas" que se adscriben ao órgano ao redor de cuestións do sistema educativo galego. Como medida de protesta, Ramos non quixo asistir ao pleno do CEG organizado este xoves, 20 de xuño.
"O Consello Escolar de Galicia, nestes últimos anos, ficou absolutamente baleiro de contidos, cumprindo unha mera función de revisión formal de decretos de titulacións de FP", critican dende o órgano, que leva exposto estas protestas en numerosas ocasións. "En ningún momento do mandato deste goberno se abordou a elaboración de propostas a través de comisións de traballo como si se fixo noutros momentos", continúan. Así mesmo, remarcan que nin sequera cando o Consello Escolar do Estado abriu a posibilidade de que os diferentes Consellos autonómicos puidesen fixar a súa posición no marco do debate sobre a reforma educativa se fixo "o mínimo esforzo" por levar ao Pleno do CEG ese debate.
Boa mostra desta ausencia de debate e de propostas son as Memorias de Actividades do CEG. Se ben o Consello debería funcionar como un foro de reflexión e contras de ideas e alternativas en materia educativa, este estase a converter, segundo denuncian, "nun mero trámite, chegando ata o punto de ter que rexeitar as memorias como manifestación de desacordo global co funcionamento do CEG".
Así pois, o CEG, máximo órgano de participación en educación, limítase "a un debate estéril": "a Administración Educativa nin ten en conta, nin responde ao que nel se aproba por maioría". Por todo isto, Xosé Ramos insta tamén á Presidencia do Consello Escolar a un cambio total na súa liña de "baleirar de contido" este órgano de representación, "desprezando así o profesorado, os seus lexítimos representantes e o conxunto da comunidade educativa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.