Ciudadanos ve un "nerviosismo evidente" no PPdeG para as autonómicas

Ciudadanos aspira a volver ser "decisivo" na Deputación de Ourense cando rompa o pacto PP-DO, coa única condición de botar a Baltar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2019 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

A deputada de Cidadáns no Congreso Beatriz Pino asegurou este venres que o "crecemento" do seu partido en Galicia provoca un "nerviosismo evidente" no PP de cara ás eleccións autonómicas de 2020. "Estamos (Cs) abocados a un crecemento que non ten parada aínda. Sabemos, e cónstanos, que preocupa en filas do PP", expresou a deputada por Pontevedra nunha rolda de prensa celebrada na sede da formación en Santiago.

Neste contexto, Pino adiantou que afrontarán "con moitas ganas e moito músculo" uns comicios cuxa "antesala da precampaña" xa ve asomando, e máis despois da reunión convocada este xoves polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, con todos os seus altos cargos para deseñar a Galicia da próxima década. Iso si, o tamén líder do PPdeG aínda non aclara se será con el á fronte.

Ademais, a deputada na Cámara Baixa evidencia este "nerviosismo" coas "mencións continuas" que, sostivo, failles o secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado. "Tentan facernos cóxegas e que contestemos a certas cousas", continuou. Pola súa banda, o secretario de Organización de Ciudadanos Galicia, Laureano Bermejo, quen tamén interveu na rolda de prensa, non desvelou se nesas eleccións de 2020 manterán ao PP como socio preferente ou buscarán o diálogo co Partido Socialista. Decidirano "cando se expoña ese escenario", explicou.

O PACTO DO-PP EN OURENSE

En canto a Ourense, onde finalmente non foron definitivos para manter ao PP ao fronte da Deputación, Bermejo insistiu no "pacto da vergoña" asinado entre Baltar e o líder de Democracia Ourensana (DO), Gonzalo Pérez Jácome. Así, augura un mandato "con patas moi curtas" nestas dúas institucións.

Neste sentido, advertiu que cando este acordo PP-DO rompa, que será "máis pronto que tarde", Ciudadanos será "decisivo", aínda que non aclarou se será para elevar ao PSOE ou ao PP á Presidencia provincial. No entanto, Bermejo avanzou que volverán pedir a expulsión da figura de Baltar como condición, como xa o fixeron nas negociacións para alcanzar un pacto na Deputación. "En Ciudadanos o único que pediamos era a rexeneración política. (...) Agora cábenos preguntarnos realmente quen está ao mando no PP de Galicia, se é Ourense ou o señor Feijóo", cuestionou.

VALLS "SAÍUSE DO CAMIÑO"

Preguntada sobre as declaracións cruzadas entre a dirección nacional de Cs e o ex primeiro ministro francés Manuel Valls tras a ruptura no Concello de Barcelona, Beatriz Pino advertiu que houbo unha "decisión unánime" do partido e que o agora concelleiro na cidade condal "saíuse dese camiño" ao facer alcaldesa a Ada Colau.

"Somos un partido político de centro e liberal, as nosas políticas non se saen dese marco", subliñou, non sen antes negar que o seu partido estea a dar un envorco cara á dereita debido a acordos con Vox como o asinado, tamén co PP, para sacar adiante os orzamentos en Andalucía. Neste sentido, Pino recalcou que a formación de Santiago Abascal "non ten absolutamente nada que ver" con Cs: "O noso socio preferente é o PP. Negociamos un pacto de goberno con eles e con ninguén máis".

A deputada de Cidadáns no Congreso Beatriz Piñeiro e o secretario de Organización de Cs Galicia, Laureano Bermejo, en rolda de prensa. CIDADÁNS
A deputada de Cidadáns no Congreso Beatriz Piñeiro e o secretario de Organización de Cs Galicia, Laureano Bermejo, en rolda de prensa. CIDADÁNS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta