A Xunta creará un grupo de traballo para buscar solucións aos gandeiros na súa tributación

Medio Rural envía cartas aos novos agricultores que teñen ata fin de mes para reclamar cobros indebidos de Facenda en 2014.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2019 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

A Xunta acordou este venres co sector no Consello Agrario a creación dun grupo de traballo co fin de buscar solucións que favorezan aos gandeiros e agricultores na súa tributación. O conselleiro de Medio Rural, José González, sinalou que se pretende, co asesoramento de expertos tributarios, trasladar ás administracións competentes propostas para favorecer aos produtores do rural no tocante á presión fiscal.

Así, búscase que sirva como "mecanismo de desenvolvemento do rural", nun grupo de traballo para abordar medidas fronte a cuestións que "dificultan ou pon en perigo a actividade agrogandeira". Entre outras medidas, buscarase apoiar o traballo a tempo parcial, xa que a dedicación total en Galicia na agricultura non é común polo pequeno tamaño das explotacións, explica Medio Rural.

OS NOVOS AGRICULTORES DEBEN RECLAMAR A FACENDA COBROS INDEBIDOS

A principios deste mes de xuño, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, alertou de que os 600 novos agricultores que recibiron subvencións correspondentes a 2014 pola súa incorporación ao campo só teñen ata o 30 de xuño para reclamar o cobrado de forma indebida por Facenda antes de que prescriba. A esta cuestión referiuse este venres o conselleiro de Medio Rural para alertar a estas persoas de que "non hai devolución de oficio", polo que "teñen que reclamar antes de que termine o prazo" o 30 de xuño.

A Axencia Tributaria considera que son subvencións correntes que se teñen que imputar no IRPF do ano que se concederon, mentres que a Xunta e o sector defenden que se teñen que imputar como subvencións de capital, é dicir, ao longo do período no que se amortizan os bens que se adquiren con esa subvención, "en todo caso nun período mínimo de cinco anos", explica José González.

Consello Agrario. XUNTA
Consello Agrario. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta