O 061 atendeu a 79 persoas na noite de San Xoán por intoxicacións, queimaduras e accidentes de tráfico

A meirande parte das incidencias producíronse na Coruña e en Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2019 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu na noite de San Xoán a 79 persoas debido a intoxicacións, queimaduras provocadas polas fogueiras e accidentes de tráfico.

Segundo informou a Consellería de Sanidade nun comunicado, o 061 atendeu na noite de San Xoán 51 intoxicacións, seis accidentes de tráfico con 11 persoas implicadas e sete queimaduras provocadas polas fogueiras entre as 18,00 horas do domingo 23 de xuño e as 9,00 horas deste luns 24. O 061 rexistrou a maiores 28 asistencias por caídas, queimaduras outro tipo de lesións ou patoloxías producidas na contorna das fogueiras con motivo da celebración de San Juan.

Do total de incidencias, na provincia da Coruña, Urxencias Sanitarias atendeu 30 intoxicacións etílicas ou por drogas, cinco queimaduras e un accidente de tráfico; mentres que na de Pontevedra foron 17 intoxicacións, dous sinistros e dúas queimaduras. Na provincia de Lugo o 061 asistiu tres intoxicacións e tres accidentes de tráfico, mentres que na de Ourense unicamente atendeu unha intoxicación. 

Lixo na praia tras San Xoán
Lixo na praia tras San Xoán | Fonte: bluebrigadium.blogspot

Para asistir as 51 intoxicacións, o 061 desprazou tres ambulancias medicalizadas, dous médicos de Atención Primaria e 34 ambulancias asistenciais. Das 51 persoas atendidas, 22 non requiriron traslado, 13 foron levadas a un centro de saúde e 16 a un hospital, concretou a Consellería de Sanidade.

QUEIMADURAS

As queimaduras atendidas polo 061 en toda Galicia ascenderon a sete. En concreto, asistiu na provincia da Coruña cinco casos e dous na de Pontevedra. As idades das persoas afectadas sitúanse entre 19 e 45 anos, todos eles homes. Do total de pacientes, tres recibiron asistencia no lugar sen requirir traslado e catro foron levados a un centro sanitario.

SINISTROS

En canto aos accidentes de tráfico, apunta Sanidade, recibiron asistencia 11 persoas en seis sinistros --un na provincia da Coruña, tres na de Lugo e dúas na de Pontevedra--. Para asistir ás 11 persoas lesionadas, o 061 mobilizou dúas ambulancias medicalizadas e cinco asistenciais, así como a un médico de Atención Primaria. Todas as persoas atendidas foron trasladadas a un hospital.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta