Bugallo confía en ter a próxima semana o seu proxecto de orzamentos técnicos para presentalo aos grupos

Asegura que o prego dos comedores "non está" e que quizais sexa necesario "prorrogar" o actual contrato uns meses.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2019 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asegurou este luns que confía en ter a próxima semana, en torno ao 5 de xullo, o proxecto de orzamentos técnicos para o que resta de ano que propón, coa intención de, a partir de aí, "ir falando cos grupos" municipais.

Bugallo xa avanzou a semana pasada a súa intención de propor aos grupos a elaboración duns orzamentos técnicos ata final de ano co obxectivo de dispor de liquidez para certas partidas, entre as que puxo como exemplo as festas do Apóstolo do próximo 25 de xullo.

Isto débese, segundo detallou no seu momento, á "situación estraña de execución orzamentaria" que se atopou á súa chegada a Raxoi, con partidas "xa consumidas" ou "apunto de acabarse".

O rexedor compostelán apostou por incluír neste proxecto técnico "actuacións imprescindibles" para o concello e cuestións que "poidan compartir" os distintos grupos da corporación local, polo cal confía en que "non haxa dificultades" e apela á "corresponsabilidade" dos diferentes partidos.

SERVIZO DE STREAMING

En relación á falta de fondos denunciada por Sánchez Bugallo, o rexedor anunciou este luns a necesidade de "cesar as retransmisións en streaming" dos plenos e das roldas de prensa da Xunta de Goberno, "porque non hai contrato" para este servizo "e a dotación orzamentaria xa foi consumida".

Aínda que o alcalde asegurou que aposta por "facer un contrato" para esta actividade, comprometeuse a analizar co seu equipo unha "solución transitoria" que permita renovar as emisións. "As últimas facturas abonáronse con cargo ás partidas de gasto de protocolo", apuntou.

SEN PREGO PARA OS COMEDORES

Por outra banda, a Xunta de Goberno desta semana aprobou a proposta de prazos e procedementos de admisión nos servizos de comedor e madrugadores da rede de centros públicos de educación infantil e primaria do Concello para o curso 2019-2020, un concurso que "non pode convocarse" porque "non existe o prego de condicións".

"Ao contrario do que se nos dixo por activa e por pasiva, o prego non está", dixo o alcalde, que advertiu de que, nesta situación, probablemente vaia a ser necesario "prorrogar" o actual contrato durante o primeiro trimestre do próximo curso para "manter o servizo".

O equipo de goberno, apuntou, está "a traballar a toda velocidade" coa idea de ter lista a convocatoria na primeira quincena do mes de xullo, aínda que, con estes prazos, "non está claro" que poida estar en marcha no mes de setembro, polo que sería necesaria unha prórroga.

Sánchez Bugallo cre que o borrador do prego podería estar "ao longo da próxima semana", cando iría ante os Servizos Xurídicos e a Xunta de Goberno ao redor de "mediados de mes". En todo caso, o alcalde mostrouse partidario de facer este contrato por un ano e, ao longo do próximo curso "avaliar o funcionamento do sistema" coa intención de implementar "cambios".

Na Xunta de Goberno deste luns aprobáronse tamén convenios do ámbito cultural e social subscritos polo goberno anterior, e procedeuse ao recoñecemento extraxudicial de créditos para cuestións como o mantemento de colexios ou a escola municipal de música.

Tamén se deu luz verde a un convenio coa USC para a exhibición pública do Legado de Carlos Maside no antigo comedor do Pazo de Fonseca. Neste concepto, o concello abonará á universidade compostelá algo máis de 27.000 euros.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta