Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/06/2019 | Actualizada ás 16:25
A ruptura do Grupo Parlamentario de En Marea coa saída do ata agora portavoz, Luís Villares, e outros tres deputados cara ao Grupo Mixto cambiará a 'foto' no Pazo do Hórreo a pouco máis dun ano para o fin da lexislatura. Unha escisión que, ademais, terá consecuencias no funcionamento da Cámara.
Na tarde deste luns estaba prevista unha reunión ordinaria da Mesa do Parlamento que suporá o inicio dos trámites para a configuración do Grupo Mixto unha vez recibido e aprobado o escrito presentado por Villares e os tres parlamentarios que abandonaron o Grupo de En Marea.
Segundo fontes parlamentarias, ao longo desta semana abordarase a reconfiguración do funcionamento da Cámara coa entrada dun novo actor --o Grupo Mixto de Villares--, o que obrigará a reaxustar os tempos e o número de iniciativas que teñen asignados actualmente os grupos con representación no Pazo do Hórreo.
A escisión no Grupo de En Marea foi comentada nas roldas de prensa celebradas este luns na Cámara por parte dos portavoz parlamentarios do PPdeG, PSdeG e BNG. Ninguén compareceu por parte de En Marea, nin por parte dos deputados críticos con Villares que quedan no ata agora principal grupo da oposición nin polos parlamentarios que acompañarán ao maxistrado lucense no grupo mixto.
O portavoz do PP no Parlamento de Galicia, Pedro Puy, apostou por "non facer responsables" ao resto de grupos políticos na cámara a ruptura de En Marea, posto que provocará unha "distorsión" en canto aos tempos e número de iniciativas da orde do día coa creación do Grupo Mixto.
"É a segunda vez que este espazo se fractura e coñecemos xa da lexislatura pasada --lembra a escisión de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE)-- os problemas que se xeran", advertiu.
"Neste sentido, valorou a "xenerosidade" dos populares que, coa súa maioría absoluta, "foron capaces de arbitrar" un acordo a inicios deste mandato en canto ao número de iniciativas que podería presentar a oposición e aos tempos de debate para que o resto de partidos puidesen "sobradamente" facer o seu labor.
"Eu pediría que non se fagan responsables a grupos que non teñen nada que ver coa escisión", reiterou Puy, para despois insistir en que o PP ten a "mellor disposición" para estudar a reorganización dos plenos "de acordo co que establezan os letrados da Cámara".
PSdeG, PRIMEIRA FORZA DA OPOSCIÓN
O portavoz socialista na Cámara tamén se referiu ao panorama que deixa a fractura de En Marea no Pazo do Hórreo, onde os socialistas pasan a ser o primeiro grupo da oposición, unha condición que, segundo Leiceaga, "xa" estaban a exercer, polo que cre que "non vai haber un cambio real".
E é que En Marea e PSdeG tiñan o mesmo número de deputados (14) pero recaía sobre os primeiros o teórico liderado da oposición ao PP por obter maior número de votos nas eleccións de 2016, razón pola cal tiñan dereito a escoller un senador por designación autonómica, motivo que certificou a súa división polas discrepancias internas.
Agora, ás portas de que produza o ingreso do líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, como deputado, Leiceaga opina que os socialistas "van confirmar en termos numéricos" o "liderado" que, di, practicaban na acción de oposición ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo.
"Vai reforzar a idea e a mensaxe da nosa condición como alternativa ao Partido Popular. Ninguén puña en dúbida desde hai tempo que a próxima Xunta de Galicia vai pivotar sobre o Partido Socialista", aseverou Leicega.
Ademais, tras lembrar a Raúl Fernández, deputado socialista falecido o pasado xoves; Fernández Leiceaga avanzou que a reconfiguración do Grupo Parlamentario pola entrada de tres novos deputados non se producirá ata o próximo pleno, o último antes do fin do período ordinario de sesións.
Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preferiu non pronunciarse sobre a escisión de En Marea mostrando o seu "máximo respecto" aos problemas doutras forzas. Preguntada sobre se nos futuros comicios de 2020 o Bloque poderíase ver beneficiado pola ruptura do partido instrumental, evitou facer valoracións "que poidan considerarse intromisión" en debates internos doutros grupos políticos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.