A zona sur de Ourense e áreas de Pontevedra, as máis afectadas polo gas radon

O Laboratorio de Radón de Galicia vén de presentar o seu último Mapa do Radón, que resultou dunhas 4.300 medicións realizadas en seccións censuais - unidades xeográficas máis concretas -. Toda a información pode consultarse na web do radon.gal.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/06/2019 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

O novo Mapa do Radon, presentado este martes en rolda de prensa, acumula xa máis de 4.300 medicións ao longo de toda Galicia. Desta vez, segundo o profesor Alberto Ruano Rabiña, o traballo do Laboratorio de Radon de Galicia foi moito máis "preciso", dando un "salto cualitativo importante" respecto dos anteriores mapas. A clave está nos espazos de medición deste gas: no canto de analizárense municipios, fixéronse medicións por seccións censuais - unidades máis pequenas -, de maneira que os resultados son máis concretos. "Dentro dun mesmo municipio hai direferentes tipos de rocha, por iso fixemos este mapa cunha 'resolución maior'", comentou o subdirector de Programas de control de Riscos Ambientais, Ángel Gómez Amorín.

Na presentación do novo Mapa do Radón
Na presentación do novo Mapa do Radón

Esta novidade, segundo aclararon os investigadores, "é especialmente interesante en concellos de gran superficie ou en concellos urbanos onde, ao construírse en altura, se espera que a concentración sexa menor no centro da cidade que nas zonas rurais, como poñen de manifesto os mapas realizados". Estes novos mapas, se ben aínda faltan algunhas medicións por rematar, están dispoñibles na web do Laboratorio da USC.

O gas radon, cuxa inhalación é un factor de risco para padecer cancro de pulmón, segue presentando concentracións elevadas no país - "no 70% do territorio" - debido ao substrato xeolóxico propio de Galicia. As zonas onde se concentra máis cantidade de radon por metro cúbido son na parte sur de Ourense e nalgunhas zonas de Pontevedra como a Serra do Suído. Nestas dúas provincias, o 22,9% e o 19,8% das vivendas medidas, respectivamente, superan o nivel de referencia dos 300 Bq/m3 que marca a Directiva Europea. 

PIDEN CALMA

"Pedimos calma, o radon é coma calquera outro elemento natural, sempre convivimos con el e sabemos como remedialo", asegurou o profesor Alberto Ruano. "O principal é non fumar, despois xa virá a preocupación por isto". Apoiou estas palabras o subdirector xeral de Epidemioloxía, Xurxo Hervada, que recordou que "o problema segue sendo o tabaco" e que o impacto deste gas na poboación é, hoxe en día, moi baixo. Así mesmo, os investigadores inciden en que non afecta aos nenos e nenas e que non está relacionado con ningunha outra doenza que non sexa o cancro de pulmón.

MEDIDAS DE PROTECCIÓN

"Van retrasadas", comentou Ruano. Hai dúas vías de actuación, pero ambas están paralizadas. Por unha banda, existe un código técnico de edificación baseado nun modelo irlandés que establece as pautas para construción de vivendas a proba de radon. Con todo, aínda non se puxo en marcha. Pola outra, está pendente a transposición da Directiva Europea do 2014 relativa a este tema. Se ben debería estar xa vixente en febreiro do 2018, aínda hoxe este proceso está pendente. "O Estado puxo a consulta pública o borrador, pero non se chegou a aprobar nada", comentaron.

"Unha vez teñamos un código técnico e esa directiva aplicada, a poboación estará máis protexida", asegurou Ruano. Destacan, igualmente, a importancia que xogan estes mapas e a necesidade de que a sociedade coñeza a situación en que se atopa cada municipio. "Se non se mide non se sabe", comentou Barros Dios. Alertan, iso si, de que se fagan medicións fiables, controladas por profesionais, ao igual que as medidas de protección que haxa que tomar en cada caso determinado. Nesas vivendas ou lugares de traballo afectados, "a ventilación natural non é eficaz, sería necesario ter as ventás abertas durante horas en inverno... Precísase unha ventilación forzosa. Hai que pensar noutras medidas", comentou Gómez Amorín.

Barros Dios, así mesmo, considerou que "a redución baseada nunha medida nunca é suficiente. Esixe un estudo profundo da casa e precísase persoal experto para saber a dinámica do gas". Respecto das axudas, Ruano explicou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo ten establecidas dúas liñas de axuda: para rehabilitación de vivendas abandonadas que estean en risco por alta cantidade de radon, e para vivendas situadas no Camiño de Santiago. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta