En Marea ameaza con "volver á xustiza" se Sanidade non publica as listas de espera non estruturais

O PP tomba no Parlamento unha iniciativa de En Marea para acceder a eses datos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2019 | Actualizada ás 15:33

Comparte esta noticia

A deputada de En Marea Eva Solla ameazou este martes con "volver á xustiza ordinaria" para que a Consellería de Sanidade publique as listas de espera non estruturais do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Fíxoo no Parlamento de Galicia ao defender unha iniciativa neste sentido que a Cámara, cos votos en contra do PP, rexeitou.

Consulta
Consulta | Fonte: inforbano.com

Para a deputada, se as listas de espera estruturais "non arroxan, desde logo, datos moi favorecedores" para algunhas intervencións sanitarias, coas non estruturais "poderían triplicarse", dixo, referíndose a datos que lle trasladaron os sindicatos.

En vista da negativa dos populares, lembroulles que votan en contra "dun dereito constitucional" de favorecer o traballo da oposición. "Temos que volver á xustiza ordinaria para que se cumpra coa función dos deputados e deputadas? Ao final parece que é a única solución", advertiu.

Nesta mesma moción, En Marea reclama ao Sergas que se comprometa a non pechar camas no verán mentres "non se coñezan esas listas". "A Consellería di que hai menos enfermidades respiratorias no verán e por iso péchanse servizos, pero a realidade é que cada ano van cambiando os servizos que se van anulando, e por tanto non hai ningunha planificación", evidenciou Eva Solla.

Ademais, a parlamentaria lamentou que a Xunta "só se mobiliza" cando hai un problema e que, cando se abren de maneira "moi puntual" as unidades pechadas, estas "cóbrense con persoal eventual", o que "non facilita o mantemento da calidade asistencial".

"PRECARIEDADE LABORAL"

Todo iso relacionouno coa "precariedade laboral" na sanidade pública galega. "Que teñamos que estar todos os anos traendo esta cuestión aquí (ao Parlamento) indica a nula intención da Xunta de solucionala", censurou.

A estas críticas sumouse o BNG, posto que a deputada Montse Prado dixo que o número de camas que se pecha no período estival é "abusivo". Neste sentido, elevou a cifra a máis de 700 prazas reducidas, mentres "aumentan" na privada.

Así mesmo, a nacionalista deu por feito que, se o problema é a falta de efectivos, "hai persoal nas listas de contratación para substituír ao persoal que ten dereito ás súas vacacións no verán".

O deputado do PSdeG Julio Torrado puxo o foco tamén no "problema de persoal" do Sergas e fixouse no "acoso insustentable" ao que, dixo, están sometidos os traballadores por parte do Sergas.

A iso sumoulle que "é imposible conseguir datos" da Consellería de Sanidade en canto ás listas de espera. Vimos sen datos oficiais da Xunta porque non existen ou non se facilitan", apuntou.

Así as cousas, o parlamentario do PPdeG Aurelio Núñez foi o encargado de explicar a postura en contra dos populares á moción de En Marea. Neste sentido, explicou que "como todos os anos" o número de camas dispoñible é "suficiente", porque se realiza "en previsión da demanda de anos anteriores máis unha porcentaxe" adicional.

Tamén lembrou que as listas de espera non estruturais son as que inclúen pacientes "que non poden ser programados" por diversas causas. A iso, durante a quenda de peche, a deputada de En Marea respondeu que "sabe perfectamente" como se elaboran estas listas. "Por iso queremos ter os datos, para saber cantas persoas teñen que ser intervidas e non están a ser intervidas", apostilou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta