A alcaldesa da Coruña asume as áreas de Barrios, Seguridade Cidadá e Normalización Lingüística

José Manuel Lage asumirá a portavocía e o ex-deputado autonómico Juan Manuel Díaz Villoslada, a área de Urbanismo.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 25/06/2019 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asumirá, xunto coas responsabilidades na Alcaldía, as áreas de Barrios, Seguridade Cidadá e Normalización Lingüística, segundo informou a rexedora nunha comparecencia xunto ao resto dos membros que formarán parte do grupo municipal socialista.

Inés Rey, alcaldesa da Coruña.
Inés Rey, alcaldesa da Coruña.

Rey informou da composición do novo equipo de goberno tras confirmarse o venres que o PSOE gobernará na cidade herculina en solitario, o que lle obrigará, con nove concelleiros, a chegar a acordos coa oposición. Polo momento, só subscribiu un acordo de investidura co BNG.

No novo equipo de goberno, tras as eleccións do 26 de maio, o ex-deputado autonómico José Manuel Lage asumirá a portavocía municipal e as áreas de Economía, Facenda e Réxime Interior. Pola súa banda, o tamén ex-parlamentario autonómico Juan Manuel Díaz Villoslada asumirá Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade.

A que é secretaria xeral da Agrupación Socialista coruñesa, Eva Martínez Acón, será a responsable de Innovación, Industria, Emprego e Consumo; mentres que Jesús Javier Celemín levará Educación, Cultura e Memoria Histórica.

Á concelleira Esther Fontán corresponderalle a área de Medio Ambiente e Sustentabilidade, mentres que José Ignacio Borrego terá Deportes. Diana Cabanas, pola súa banda, asumirá a área de Turismo e Comercio, na que estará integrado o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) e Festas, que deixan de estar dentro de Cultura.

O primeiro tenente de alcalde será José Ignacio Borrego e a segunda, Yoya Neira, que xa foi concelleira no anterior mandato. Esther Fontán e Eva Martínez Acón ocuparán a terceira e cuarta tenencia de alcaldía, respectivamente.

A próxima xunta de goberno celebrarase o xoves, segundo confirmou a rexedora, que tamén precisou que está por confirmar se se manterán ou cambiarán os nomeamentos dos distintos directores de área.

Por outra banda, sinalou que a "coordinación" entre as distintas áreas será un dos obxectivos. "Díxenlles que ían ter moito traballo", respondeu ao ser preguntada que lles trasladou aos edís nesta nova etapa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta