A Xunta presenta emendas ao plan europeo para loitar contra as 'fake news'

Gamallo apunta en Bruxelas que os medios de comunicación rexionais cobran importancia no "reto europeo" contra a desinformación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2019 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

A Xunta, representada por director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presentou este martes en Bruxelas, na terceira reunión do ano da comisión da Cidadanía, Gobernación e Asuntos Institucionais e Exteriores (Civex), oito emendas ao plan de acción europeo contra a desinformación.

En referencia a este documento, Jesús Gamallo remarcou a importancia que xogan todos os niveis de goberno, así como os entes rexionais e locais, na loita contra a desinformación. Ademais, recalcou o "pouco peso" que teñen estes actores no Plan de Acción nesta materia, posta en marcha pola Comisión Europea e o Servizo Europeo de Acción Exterior.

Durante esta reunión de Civex, debateuse a aprobación de dous ditames: un sobre a mellora do proceso lexislativo na UE e outro sobre a loita europea e mundial da desinformación ou 'fake news'. Así mesmo, presentáronse dous documentos de traballo para o intercambio de opinións entre os membros da comisión.

IMPORTANCIA DAS REXIÓNS

O representante galego defendeu que as rexións poden axudar á cidadanía a discernir entre información real e desinformación, ao ser "as administracións mellor informadas sobre o que ocorre nos seus territorios". Desta maneira, os medios de comunicación rexionais cobran importancia no "reto europeo e internacional" contra a desinformación.

Na mesma liña que o resto de membros do Comité Europeo das Rexións (CdR), Gamallo destacou a necesidade de destinar recursos financeiros para que "os entes territoriais afronten este reto e incidir tamén na cooperación transfronteiriza entre todas as autoridades públicas". Ademais da mellora dos coñecementos e instrumentos de prevención da desinformación e das súas modalidades por parte dos funcionarios rexionais e locais.

Todos estes esforzos destinaranse a "combater eficazmente as campañas de desinformación que dificultan hoxe en día o exercicio da política e a xestión e as administracións públicas europeas".

Os líderes rexionais e locais do CdR presentes na reunión Civex tamén informaron sobre a necesidade de "concienciar máis" e de involucrar tanto aos medios de comunicación rexionais e locais, como á sociedade civil en xeral, nos labores de prevención e protección contra os efectos negativos das 'fake news'. Neste sentido, os representantes locais europeos coincidiron en que os diálogos cidadáns e os debates públicos en directo e en liña poderían axudar a lograr estes fins.

Ademais, os membros do Comité Europeo das Rexións recomendaron establecer un marco xurídico que obrigue ás plataformas de redes sociais a ofrecer aos cidadáns un servizo de asistencia e solucións integrais para que estes últimos poidan denunciar a difusión de información falsa.

MELLORA DA LEXISLACIÓN

Antes da análise e discusión dos ditames, tivo lugar un debate temático baixo o título 'Lexislar mellor', no que se convidou aos membros do CdR a compartir a súa visión e impresións sobre o rol actual dos entes rexionais e locais no proceso lexislativo da UE e as propostas sobre o modo de mellorar a súa anticipación nas políticas e tomas de decisión.

Para introducir este debate, presentáronse os principais ensinos extraídos do exercicio de avaliación das actividades da Comisión Europea sobre a mellora de lexislación no período 2015-2018 e as reflexións desta cámara para o futuro.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo Aller, durante a reunión dunha comisión europea este martes en Bruxelas. XUNTA DE GALICIA
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo Aller, durante a reunión dunha comisión europea este martes en Bruxelas. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta