Feijóo suxire que o BNG ten lazos con partidos pro terroristas "e así lles vai"

O presidente galego criticou a Pontón por non condenar as detencións dos presuntos dirixentes de Resistencia Galega, e esta acusa ao líder do PPdeG de "difamar" con "acusacións moi graves".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2019 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, chamou "yonqui do poder" ao presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, e afeoulle os pactos do seu partido con Vox, unha formación que "nega o terrorismo que máis mulleres matou", que é "o terrorismo machista".

Ante iso, o mandatario autonómico afeou á líder nacionalista a "prudencia" coa que se tomou a detención dos dous presuntos integrantes de Resistencia Galega e engadiu: "Que fale o BNG de terrorismo nesta Cámara é, simplemente, non ter memoria. E ao nacionalismo galego así lle vai".

Este cruzamento de acusacións na sesión de control do Executivo galego na Cámara prodúcese por mor da detención, o pasado sábado 15 de xuño, de Antón García Matos, alias 'Toninho', e Asunción Losada Camba, fuxidos da xustiza desde 2016 e presuntos dirixentes de Resistencia Galega. Dous días máis tarde, Ana Pontón pediu "cautela" e respecto á presunción de inocencia.

"No canto de aproveitar as detencións dos prófugos da xustiza e no canto de felicitar aos corpos e forzas de seguridade do Estado, pediu presunción de inocencia, o cal me parece ben, pero foi vostede moitísimo máis prudente cara a eses dous presuntos terroristas que cara a calquera rival político que estea imputado ou chamado a declarar a un xulgado", esgrimiu o tamén presidente do PP galego.

Non en balde, Feijóo aproveitou esta intervención para volver criticar a coalición dos nacionalistas galegos "co independentismo catalán e os herdeiros do terrorismo vasco" --EH Bildu-- nas pasadas eleccións europeas. "Leccións de terrorismo ao PP do BNG, ningunha", sentenciou o líder popular.

Tras esta última intervención, a portavoz nacional do Bloque pediu a palabra para subliñar as "acusacións moi graves" que, na súa opinión, deslizara o presidente da Xunta. "Non nos imos a calar ante as difamacións. Este señor acúsanos de terroristas", gritou Ana Pontón desde o seu escano, co aplauso e apoio dos outros cinco deputados do BNG.

Con todo, o presidente do Parlamento, Miguel Anxo Santalices, reduciu as palabras de Feijóo a un "debate de ton absolutamente político" e lembrou reiteradamente á líder do Bloque que non tiña a palabra. Finalmente, terminou por porlle unha chamada á orde.

PONTÓN AFEA O USO DA XUNTA COMO "GABINETE ELECTORAL"

Este enfrontamento produciuse despois de que Ana Pontón lle reprochara ao titular da Xunta o "acto electoral" ou "mitin" que, ao seu modo de ver, foi a reunión de todos os altos cargos da Administración autonómica o pasado xoves, utilizada como "gabinete electoral".

"Acabo de ser censurado por reunirme co Goberno o pasado xoves, á hora do Consello, e convidar aos altos cargos da Xunta para que o Goberno explicase a todo o corpo directivo da Comunidade Autónoma cales son os proxectos transversais das propias consellerías", explicou, posteriormente, Feijóo, quen aproveitou para contraatacar co bipartito: "Cando vostedes gobernaban, non podían reunir ao Goberno porque os altos cargos do BNG non se falaban cos do PSOE e os do PSOE non se falaban cos do BNG".

Ademais, a portavoz nacional do Bloque tamén evidenciou que a palabra do presidente do PPdeG "non vale nada" despois do pacto con Democracia Ourensá (DO) para que o seu líder, Gonzalo Pérez Jácome, fora alcalde de Ourense a cambio dos seus votos para que o popular José Manuel Baltar continúe á fronte da Deputación.

"AFERRARSE Á POLTRONA"

Seguidamente, Feijóo viuse "sorprendido" por estas críticas, xa que, tal e como indicou, o PP goberna na cidade das Burgas "cos mesmos cos que querían gobernar o BNG e o Partido Socialista" e con Cs de "invitado".

Neste contexto, Ana Pontón afeoulle que culpe tanto a socialistas como nacionalistas do pacto PP-DO en Ourense e, tras reducir a "propaganda" as decisións adoptadas no Consello da Xunta, chamoulle "yonqui do poder" por "querer aferrarse á poltrona".

Pleno do Parlamento de Galicia durante a sesión de control ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. XUNTA DE GALICIA
Pleno do Parlamento de Galicia durante a sesión de control ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 frijoles anda e vai...

1 M. Dourado

Un amigo de narcotraficantes, cómplice da morte de moitos galegos polos recortes en saúde (lembran os casos da hepatite?), destructor da lei de normalización lingüística, culpable da desfeita das caixas, cínico ata cando dixo que o seu fillo nacería nun hospital público e logo... etc. non está capacitado para nada máis que para marchar á súa casa: Madrid e profesar culto ó seu deus: o carto. Nen sabe como se escribe o seu apelido e vai dando leccións de perdonavidas e acusando cobardemente. Xa o vexo cunha mangueiriña apagando lumes diante da tvg coa Voz aplaudindo. Frijol é fume tóxico.