Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2019 | Actualizada ás 21:08
A deputada do BNG Noa Presas instou ao Partido Popular a que "condicione" a investidura do socialista Pedro Sánchez como presidente do Goberno a que o PSOE aprobe un estatuto para o sector electrointensivo que poña fin á situación que atravesan as plantas de Alcoa e Ferroatlántica en Galicia.
A nacionalista replicou así ás palabras do conselleiro de Industria, Francisco Conde, que acusou o Bloque de ser "cómplice" de que o Partido Socialista non aprobase desde o Goberno central un estatuto do electrointensivo que marque un prezo da electricidade "competitivo" para a industria.
"Voulle a contar un segredo, lamentablemente para nós e para o país, (BNG) non estamos en Madrid. Aplíquen o conto e condicionen a investidura de Sánchez", aseverou a deputada Noa Presas durante a súa pregunta sobre a posible venda de Ferroatlántica por parte do Grupo Villar Mir, cuxas plantas están vinculadas á explotación de saltos hidroeléctricos no Xallas.
Conde negou que a Xunta vaia permitir a segregación dos saltos ás fábricas. "Somos transparentes e claros nas nosas posicións. Sábeo Ferroglobe e sábeno os traballadores. Non haberá segregación e manteremos a actividade industrial", incidiu o titular de Industria do Goberno galego.
ALCOA
Xusto antes desta pregunta parlamentaria, o deputado popular Miguel Tellado realizou unha pregunta ao Goberno galego sobre a situación de Alcoa e, en particular, a xestión que leva a cabo o Executivo central. Tellado tachou de "parvos útiles do Partido Socialista" a En Marea e ao BNG, quen, ao seu xuízo, son os "cómplices" que "necesita" Pedro Sánchez para "non aprobar" o estatuto do electrointensivo.
Na súa resposta, Conde culpou da "situación difícil" que atravesan os traballadores ao Goberno socialista porque "non cumpriu" o "obxectivo" pactado de "establecer un prezo competitivo" para o prezo da luz. Por iso, incidiu en que os traballadores "saben" que o prezo da electricidade "condiciona" ao comprador interesado en adquirir as plantas de Alcoa na Coruña e Avilés, polo que instou ao Goberno central a "comprometerse" coa aprobación do estatuto electrointensivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.