A comisión de Agricultura garda nun minuto na memoria do seu portavoz Raúl Fernández

Os grupos políticos rendéronlle homenaxe na sesión deste xoves.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2019 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

A comisión de Agricultura do Parlamento galego, na que era portavoz do Grupo socialista o deputado Raúl Fernández, falecido a semana pasada, gardou este xoves un minuto na súa memoria.

Ao comezo, o presidente da comisión, o popular Daniel Veiga, sinalou que esta é unha sesión "bastante especial" pola ausencia de Raúl Fernández, polo que lle deu a palabra á deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo para pronunciar unhas palabras de homenaxe.

Así, Rodríguez Rumbo agradeceu a todos os deputados e persoal do Parlamento as súas "mostras de agarimo" en "días especialmente duros". "Ninguén morre se segue vive na nosa memoria", dixo, e "na memoria" vai continuar o "sorriso" de Raúl Fernández e o seu "afán de diálogo e de chegar a acordos".

Posteriormente, todos os grupos iniciaron a súa intervención cunhas palabras de recordo ao deputado falecido. Moisés Branco (PP) trasladou o seu "fondo pesar" pola morte de alguén a quen coñecía "desde hai moitos anos", que "sempre foi unha persoa moi conciliadora e moi respectuosa", que "daba bos consellos".

Xosé Luís Rivas, Mini (BNG), asegurou que a "mellor homenaxe que se lle pode facer a Raúl" é o de cantar dúas cancións. Unha das que pronunciou reza así: "Oh, morte, tirana morte, de ti só teño queixas, quen has de levar non levas, quen has de deixar, non deixas".

Finalmente, a deputada de En Marea Paula Quinteiro afirmou ter "moi boa sorte" por poder coñecelo, á vez que reiterou "toda a forza" do seu grupo a familia e amigos.

Raúl Fernández
Raúl Fernández

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta