Os galegos aumentaron o seu salario máis que a media española, pero á conta de traballar máis horas

Con todo, o estudo do sindicato USO apunta que o sector que agrupa a maior porcentaxe de ocupados --o dos servizos-- diminuíu en tres décimas con respecto á media.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2019 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

O salario dos traballadores galegos incrementouse un 2% no primeiro trimestre de 2019, tres décimas por encima da media nacional (1,7%). Con todo, esta subida experiméntase á conta de traballar máis xa que o custo salarial por hora só aumentou un 0,6%. Así o destacou este xoves nunha rolda de prensa celebrada en Santiago de Compostela a secretaria de Comunicación e Estudos Sindicais de USO, Laura Estévez, quen indicou que estes datos evidencian que se os galegos cobraron máis é porque "traballaron máis horas".

Estévez deu a coñecer as conclusións do informe 'Galicia: poboación, emprego, salario e pensións' elaborado polo sindicato, un documento que explica que esta subida media en taxa interanual do 2% en Galicia débese ao notable incremento da construción un 6,6%. Con todo, o estudo apunta que o sector que agrupa a maior porcentaxe de ocupados --o dos servizos-- diminuíu en tres décimas con respecto á media nacional. Isto supón que o 72% dos traballadores galegos, tres de cada catro, experimentou unha subida salarial inferior á media en taxa interanual.

"Se en 2018 falabamos de que a subida da industria tiraba dos salarios galegos, este ano ese papel tócalle á construción, que repuntou cunha alza do 6,6% e case o 3% por hora", asegurou Laura Estévez. Segundo explicou, isto ten unha "lectura moi clara" e é que "Galicia non pode fiar o seu desenvolvemento aos servizos" e "ten que apostar por rexenerar a industria pesada e tradicional e unha industria agroalimentaria punteira beneficiada polas condicións naturais da rexión". "En Galicia non se pode esperar que un verán salve a economía de todo o ano, hai que fixarse no que aquí xa funcionou como motor de desenvolvemento e recuperalo", insistiu.

"PARÓN ECONÓMICO"

Na súa intervención, así mesmo, considerou que se constatan un "parón económico" co descenso das vacantes ofertadas, unha caída que, conforme sinalou, non se debe á subida do salario mínimo interprofesional (SMI)". "Máis do 90% dos empregadores achácano a que non necesitan ningún traballador porque non creceu a súa actividade", manifestou.

Ademais, a sindicalista mostrou a súa preocupación pola "falta de substitución xeracional". Así, indicou que a taxa de actividade de Galicia pechou no primeiro trimestre do ano nun 45,6%, o que reflicte que "menos da metade da poboación está en disposición de traballar". Conforme sinalou, o problema non é puntual, xa que só un "16% da poboación ten menos de 20 anos, mentres que os maiores de 65 supoñen o 25%, un dato que se agrava en Lugo e Ourense".

PENSIÓNS

Nunha rolda de prensa na que lembrou que "un de cada catro galegos é pensionista", Estévez advertiu de que este colectivo ten un poder adquisitivo máis baixo que a media nacional polo que tampouco pode ser un revulsivo para o consumo e a mellora da economía.

"O importe medio da pensión recuperouse lixeiramente con respecto á media do país, pero se o ano pasado falabamos dun 16,4% por baixo, este ano seguen sendo uns 15% inferiores", indicou. En concreto, segundo os datos do estudo, a pensión media sitúase en 839 euros mensuais, por baixo do actual SMI, pero a pensión máis habitual está entre os 600 e os 700 euros e percíbenas, sobre todo, as mulleres", apuntou.

Por iso, reclamou que as pensións se "blinden". "Se un SMI de 900 euros é o mínimo considerado para vivir, tamén debe ser o límite dunha pensión", subliñou.

Os integrantes do sindicato USO Fernado Cousillas e Laura Estévez na rolda de prensa celebrada en Santiago
Os integrantes do sindicato USO Fernado Cousillas e Laura Estévez na rolda de prensa celebrada en Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta