Temas: XABARIL

Alertan dun aumento de danos causados por xabaríns no Deza

Responsables da Asociación Agraria de Galicia están a manter contactos con agricultores, gandeiros, cazadores e responsables de Tecores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2019 | Actualizada ás 16:34

Comparte esta noticia

Responsables da Asociación Agraria de Galicia informaron este xoves de que están a manter contactos con agricultores, gandeiros, cazadores e responsables de Tecores da zona do Deza ante o aumento de danos provocados polo xabaril en cultivos de explotacións agrícolas.

Xabaril - Arquivo
Xabaril - Arquivo

A entidade avanzou que o presidente da asociación, Francisco Bello, reunirase o vindeiro luns, día 1, coa directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, para trasladarlle as conclusións destas conversas.

A asociación explicou que agricultores e gandeiros "ven con moita preocupación os numerosos danos que está a producir" o xabaril nas súas terras e esixen "medidas, aínda que sexan drásticas", para evitar as perdas.

Os cazadores, pola súa banda, expresáronlles que "sempre estiveron moi limitados e presionados no desenvolvemento da súa actividade", do que culpan, segundo a asociación, "ao acoso constante dos ecoloxistas", á "imposibilidade de facer batidas nos vedados e zonas queimadas con vexetación", aos "excesivos trámites ou obrigacións burocráticas" e á "presión das autoridades".

Xa en outubro, Francisco Bello avanzou esta problemática á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, coa que mantivo unha reunión tras o seu nomeamento. Naquela ocasión, o presidente pediulle que cambiase algúns artigos do regulamento de caza "que permitise reducir os danos ocasionados por este animal".

Entre outras, suxeriu que se reducise o número mínimo de cazadores necesarios para que se poida realizar unha batida de xabaril de 10 a cinco e que se permitise cazalos en vedados e montes queimados, para evitar que "estas áreas actúen como refuxios".

Temas: XABARIL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta