O Colexio de Xornalistas lamenta a desestimación dos recursos contra o arquivo do caso Couso

Tras o rexeitamento por parte do Tribunal Constitucional dos recursos contra o arquivo da causa polo asasinato do cámara ferrolán, o Colexio de Xornalistas envía o seu apoio á familia Couso na súa decisión de recorrer ao Tribunal de Estrasburgo.

Por Europa Press / Redacción | | 28/06/2019 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta a decisión do Tribunal Constitucional de desestimar este mércores os recursos presentados pola familia de José Couso e a Asociación Libre de Abogados contra o arquivo da investigación do asasinato do cámara ferrolán.

José Couso. CEDIDA - Arquivo
José Couso. CEDIDA - Arquivo

Os recursos estaban orixinados na resolución do Tribunal Supremo que confirmaba en outubro de 2016 o sobresemento da causa e rexeitaba presentar cuestión de inconstitucionalidade contra a reforma da Lei da Xustiza Universal. Naquela ocasión, o Colexio de Xornalistas xa se laiara do fallo do Supremo.

A familia de José Couso xa manifestou a súa vontade de recorrer á xustiza europea logo da resolución do Tribunal Constitucional. Como xa fixo en repetidas ocasións ao longo destes 16 anos de impunidade, o Colexio de Xornalistas quere enviar o seu apoio á familia Couso na súa loita pola xustiza e expresar o seu rexeitamento a unha reforma da lei que deixa indefensos a xornalistas e cooperantes en conflitos armados, privándolos dunha das poucas proteccións que tiñan: a de agardar que algún día os culpables da súa morte poidan ser xulgados.

José Couso Permuy faleceu o 8 de abril de 2003 durante a invasión de Irak cando un carro de combate de Estados Unidos disparou contra o Hotel Palestine de Bagdad. Nese ataque tamén morreron o camarógrafo ucraíno Taras Protsyuk e o xordano Tarek Ayub. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia tense pronunciado en repetidas ocasións a favor da investigación do seu asesinato e organiza, desde 2004 e xunto ao Club de Prensa de Ferrol, o Premio José Couso de Liberdade de Prensa na súa memoria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta