Gonzalo Caballero apunta a Feijóo como "exemplo da incompetencia" diante dos problemas ambientais de Galicia

"Non queremos un presidente da Xunta que dedique as 24 horas a mirarse ao espello, a decidir se queda mellor a cara en Galicia, en Madrid ou na empresa privada", asegurou o xefe de filas do PSdeG este venres.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 28/06/2019 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a abandonar "a publicidade, a mercadotecnia e o autobombo" e dedicarse a solucionar os problemas de Galicia, como a contaminación "recorrente" do río Umia. "Non queremos un presidente da Xunta que dedique as 24 horas a mirarse ao espello, a decidir se queda mellor a cara en Galicia, en Madrid ou na empresa privada", asegurou o xefe de filas do PSdeG este venres.

Acompañado polo alcalde de Caldas de Reis, José Manuel Rey, Gonzalo Caballero visitou en encoro do Umia, desde o que urxiu á Xunta unha solución para os episodios de contaminación. "Feijóo é o exemplo da incompetencia e a ausencia nos problemas ambientais e do medio rural en Galicia", manifestou o dirixente socialista, que asegurou que Feijóo "nin se digna a visitar" este encoro e nin a "comprometerse cunha cidadanía que quere ter auga en boas condicións".

E é que Gonzalo Caballero censurou que "meses despois desde o último conato e episodio de gravidade no encoro", a Xunta non tomase "nin unha soa decisión" para solucionar o problema. Precisamente, neste punto, o alcalde de Caldas de Reis, José Manuel Rey, destacou que no municipio hai "unidade de acción" de todas as forzas políticas para reclamar solucións que "non chegan por ningún sitio". "Mesmo presentamos unha demanda ante a valedora do Pobo e o único que podemos confirmar é que esta actuou de parte, deu absolutamente a razón á Xunta pero a natureza non lle dá a razón e o problema reprodúcese", apuntou.

DEMOGRAFÍA

Ademais, na visita, Gonzalo Caballero aproveitou para cargar contra a inacción de Feijóo en materia de impulso demográfico tras o anuncio efectuado o xoves no Consello da Xunta, en que se aprobou o inicio da tramitación da que será a nova lei de impulso demográfico, que blindará un mínimo de 700 millóns de euros nos orzamentos anuais da Comunidade para paliar a perda de poboación.

Respecto diso, o secretario xeral do PSdeG criticou que Feijóo "non fose capaz de darse de conta" do problema demográfico do país en "dez anos". "Agora, cando queda un ano á fronte da Xunta, volve á política de mercadotecnia e publicidade enganosa para anunciar unha lei para arranxar un problema que non arranxou en dez anos", manifestou.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visita o encoro do río Umia. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visita o encoro do río Umia. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta