O PP evita a foto coa comunidade LGTBI galega

O colectivo pide en Compostela menos "mostras simbólicas" e máis compromiso das administracións. Denuncian os "atrancos" que as persoas trans atravesan para obter un DNI que reflicta a súa verdadeira identidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2019 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

Colectivos LGTBI pediron este venres, con motivo da celebración do Día do Orgullo, o compromiso das administracións públicas galegas cos seus dereitos "máis aló das pequenas mostras simbólicas".

Lectura do manifesto LGTBI na Praza do Obradoiro, acto no que participaron representantes do PSOE, Compostela Aberta e BNG
Lectura do manifesto LGTBI na Praza do Obradoiro, acto no que participaron representantes do PSOE, Compostela Aberta e BNG | Fonte: Europa Press

"Reclamamos cambios que melloren a nosa calidade de vida, e querémolos xa. Nin un paso atrás!", reivindicaron os colectivos Amizando, Ultreia e Arelas, que este venres leron un manifesto na Praza do Obradoiro.

Xunto aos representantes destes colectivos, participaron no acto de conmemoración do Día do Orgullo o alcalde de Santiago, o socialista Xosé Sánchez Bugallo; o portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega, e a do BNG, Goretti Sanmartín. Aínda que había edís de todos estes grupos, na conmemoración non participou ningún membro do PP local.

Neste escenario e ante un Pazo de Raxoi no que lucía a bandeira LGTBI, deuse lectura a un documento no que os colectivos reclamaban "rapidez e determinación" por parte dos concellos ante unha Xunta que, segundo indicaron, "permitiu situar o país á cola do Estado e de Europa".

DISCRIMINACIÓNS

No acto que tivo lugar de forma previa ás manifestacións convocadas polos colectivos a última hora da tarde deste venres en Santiago de Compostela e na Coruña, os participantes denunciaron as violencias que afectan durante o día a día ás persoas LGTBI.

Segundo censuraron, "reprodúcense en espazos que en toda sociedade democrática deberían ser seguros" e "co amparo de moitas das institucións galegas e do Estado español", o que "dificulta" as súas vidas e lévaos, en moitos casos, "a perdelas".

"Unha violencia que continúa na procura de traballo, abocada ao fracaso como demostran uns niveis de paro superiores ao 80% para as persoas trans", denunciaron a través do manifesto no que sinalan que esta "violencia" podería ser, "en certa medida", "paliada" coa obtención dun DNI que reflicta a verdadeira identidade destas persoas.

Con todo, sinalaron que iso segue sendo "unha batalla" para moitas persoas pola "inacción" e os "atrancos" do goberno, que deixa a adultos e menores "vítimas da arbitrariedade, dependendo de que as funcionarias, psicólogas e demais profesionais coas que traten teñan formación e predisposición a axudar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta