Galicia, máis preto de asumir as competencias de tráfico

O PP mantén a súa postura de abstención, o que permite a aprobación do ditame sobre o texto lexislativo para que chegue ao pleno.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/06/2019 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

A Lei para a transferencia das competencias de tráfico, circulación e seguridade viaria a Galicia superou o penúltimo escollo parlamentario coa aprobación en comisión do ditame sobre o texto lexislativo, paso previo antes de ser sometido a debate en sesión plenaria.

Ponte de Rande
Ponte de Rande | Fonte: © Miguel Núñez

A proposición, presentada polo Grupo Socialista, foi admitida a trámite o pasado mes de febreiro polo Parlamento de Galicia grazas á abstención do grupo maioritario, o do PPdeG, que este venres mantivo a súa postura de "non obstaculizar" a tramitación da lei a pesar de que considera que existen "outras prioridades" para o "autogoberno" de Galicia.

De ser aprobada definitivamente, o texto lexislativo dirixiríase ao Congreso dos Deputados, encargado de dar o visto e prace á transferencia das competencias de tráfico. Trátase da segunda vez que o Parlamento de Galicia elabora unha lei para a transferencia das competencias de tráfico.

En 2008, todos os grupos da Cámara apoiaron a proposición que, finalmente, foi rexeitada polo Congreso co voto en contra do PSOE e a abstención do PP.

Durante o debate na Comisión 1ª Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior; o portavoz dos socialistas na Cámara, Xoaquín Fernández Leiceaga, incidiu na "necesidade" de que Galicia xestione as súas propias estradas para dar "un tratamento específico" a unha rede viaria que presenta "particularidades".

Con todo, Leiceaga comentou que os grupos políticos "en cada institución" teñen "autonomía" para fixar a súa postura sobre a tramitación de leis, o que provocou a reacción da deputada de En Marea Carmen Santos, que lembrou os "precedentes" e instou aos socialistas a "que non quede atascada outra vez" a transferencia das competencias a Galicia pola oposición do PSOE nas institucións estatais.

Pola súa banda, Paula Prado (PPdeG) sinalou que o seu partido "avoga por conseguir todas as compentencias posibles" para "ser unha comunidade de primeira" e "que se lle dea a Galicia o que teñen outras"; pero matizou que a súa "prioridade" é "que o Goberno de Pedro Sánchez devolva o pufo de 700 millóns" que, di, ten coa comunidade autónoma polas "transferencias a conta, o IVE de 2017 e o incentivo ás comunidades cumpridoras".

"Non nos opomos ao traspaso das competencias de tráfico e seguridade viaria, pero non é a nosa prioridade", apostilou a viceportavoz popular na Cámara.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta