A vida musical máis alá dos macrofestivais que financia a Xunta: Do 85C de Vigo á Osa do Mar de Burela

Fai unhas semanas celebrábase o Son do Camiño un macrofestival financiado con 2'5 millóns de euros pola Xunta. Lonxe deste modelo quedan iniciativas como 85C en Vigo, onde se fai un esforzo porque o cartel sexa integramente feminino ou o Osa do Mar en Burela, unha experiencia única dentro da Mariña Lucense. Son pequenos festivais musicais que serven para dinamizar comunidades rurais ou para impulsar unha música alternativa allea ás multinacionais do sector.

Por Brais Nogueira | VIGO | 03/07/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Fai unhas semanas celebrábase en Santiago de Compostela O Son do Camiño, un macrofestival financiado con 2’5 millóns de euros pola Xunta de Galicia. Alén do que se podería pensar a partir deste dispendio de cartos, existen propostas artísticas que ou ben non están financiadas fundamentalmente con cartos públicos, ou directamente non se lle dan axudas a pesar do innovador e dinamizador da súa proposta. Existen a moreas exemplos por toda Galicia. Dous exemplos son o Festival 85C en Vigo e o Osa do Mar en Burela. Dúas propostas separadas por centros de quilómetros pero unidas por intentar facer unha proposta diferente cun valor engadido moi claro.

Edición do festival 85C 2017/ Asociación 85C/
Edición do festival 85C 2017/ Asociación 85C/

O proxecto 85C xurdiu no ano 2016 a partir dun Traballo de Fin de Grado dunha das persoas que a día de hoxe o coordinan. Organizaron un encontro en plena rúa de Príncipe, unha das arterias principais da cidade de Vigo. Eva Comesaña, unha das persoas que estiveron dende o principio afirma que ese día foi fundamental porque se comezaron “a crear redes e sinerxias” para o que logo sería a Asociación sen ánimo de lucro 85C, responsable de multitude de eventos na cidade olívica cun nexo común: A loita pola emancipación da muller e a igualdade.

“Ao principio éramos un grupo informal pero pouco a pouco fomos comezando a facer cousas”, lembra Comesaña. O certame máis grande que organizan é o Festival 85C, un evento multidisciplinar onde todo o cartel está confeccionado por mulleres. Este proxecto foi crecendo pouco a pouco. No 2017 foi soamente dunha xornada, pero o ano pasado ocupou tres días de actuacións acompañadas por proxeccións e obradoiros.

UN PROXECTO 100% AUTOXESTIONADO

“Respecto á financiación pode dicirse que é 100% autoxestionado”, explica Comesaña, aínda que precisa que un ano tiveron “unha axuda da Concellería de Igualdade moi simbólica”. Mantén que esa situación non é desexada: “Nós petamos na porta das institucións pero elas non responden. Como vimos que era un gasto de enerxía que non se estaba a ver recompensado -aínda que nunca renunciamos a pedir axudas- decidimos buscar financiación alternativa, como foi o crowdfunding que levamos a cabo para a última edición e que nos permitiu levalo a cabo en mellores condicións”.

Festival Osa do Mar
Festival Osa do Mar | Fonte: OSA DO MAR

Se non molesta un festival exclusivamente conformado por bandas masculinas, tampouco o debería facer un conformado soamente por bandas femininas”

Ademais, destaca que grazas a non depender de axudas públicas teñen “unha maior liberdade” para programar as propostas que queren. Aínda que os problemas coa Administración non quedan soamente aí: “Gústanos facer eventos na rúa para todo o mundo e neste caso á hora de pedir espazos é moi complicado. Estas problemáticas fan que soamente acudamos ao Concello cando non nos queda outra”, explica. Admite tamén “non saber moi ben” os motivos polos que se actúa dese xeito con elas.

Un dos maiores valores da súa proposta é que dende a organización faise un esforzo para que o cartel do evento sexa totalmente feminino. “Nós non rexeitamos a grupos soamente por ter homes, queremos a equidade. O resultado da proposta non é exactamente a igualdade pretendida, pero o facemos un pouco a modo de impacto. Se non molesta un festival exclusivamente conformado por bandas masculinas, tampouco o debería facer un conformado soamente por bandas femininas”, reflexiona Comesaña.

UNHA OSA NO MEDIO DO MAR

Na outra parte de Galicia sitúase o Festival Osa do Mar, concretamente en Burela. A iniciativa xorde xa fai seis anos, cando uns cantos amigos xuntáronse coa idea de facer un evento cultural diferente ao que se vía na Mariña Lucense. Así crearon a Asociación Cultural Fanto Fantini. A elección do nome da organización é en honra ao personaxe de Álvaro Cunqueiro e o do festival é un xogo de palabras con Marosa, o lugar onde se facía nun primeiro momento.

Neste caso, dende o primeiro momento tiveron unha axuda da Deputación de Lugo “aínda que non é moi grande”, explica Marcos Reimunde, un dos responsables do festival. “Tamén temos apoio do Concello en canto a loxística e infraestrutura, aínda que non nos da cartos”. A meirande parte da súa financiación ven a través de patrocinadores privados.

Se ben a idea era facer algo diferente dende un comezo, dende o ano pasado a proposta ten un camiño moi diferente ao que se tivo durante os primeiros anos: “Ao principio cobrábamos entradas e éramos un festival que crecía cada ano, pero a partir da pasada edición deixamos de cobrala e mudamos o lugar a diferentes localizacións para facer o evento aberto a todo o pobo”.

"A partir da edición pasada decidimos facer un evento aberto a todo o pobo"

Entre as razóns para levar isto acabo, Reimunde indica que por unha banda non querían "ir polo camiño da profesionalización como foron outros. Ademais, facer un festival tan grande era un traballo que non nos podiamos permitir sendo unha asociación sen ánimo de lucro e con tan poucos membros”. Nesta edición van un paso máis aló e ofertarán concertos gratuítos durante todo o mes de agosto alén dos días fortes do festival.

“Dende o primeiro momento apostamos pola presenza de bandas moi diferentes con estilos moi dispares, fomos os pioneiros nese aspecto. Este ano veñen artistas tan diferentes entre si como unha banda para nenos e grupos galegos de cumbia”, continúa Reimunde . O organizador do festival tampouco é partidario do modelo de macrofestivais. “Nós medio en broma sempre dicimos que é un pouco como o centro comercial da música: As mesmas bandas, as mesmas produtoras e os mesmos lugares”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta