CC.OO. reitera as críticas ao Sergas por falta de persoal en atención primaria en Santiago e Barbanza no verán

Acusa o Servizo Galego de Saúde de "negar a realidade" do que ocorre.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2019 | Actualizada ás 11:53

Comparte esta noticia

Comisión Obreiras (CC.OO.) volveu a criticar ao Sergas por "negar a realidade" do que ocorre na atención primaria na área sanitaria de Santiago e Barbanza, onde identifica falta de persoal durante o verán para atender ao incremento de poboación existente.

Clínico, Chus. EUROPA PRESS - Arquivo
Clínico, Chus. EUROPA PRESS - Arquivo

O sindicato fixo públicas a semana pasada as súas queixas, ás que o Sergas contestou, entre outras cuestións, con que "é coñecido o paro cero entre os médicos de familia". Respecto diso, CC.OO. lembra á Consellería de Sanidade que en atención primaria traballan equipos "multidisciplinares" e non só médicos.

Neste sentido, denuncia que "a día de hoxe" hai vacacións dos técnicos en coidados auxiliares de enfermaría que "non se cubriron", a pesar de haber "profesionais desta categoría nas listas de vinculación temporal". Unha situación que se repite co persoal de servizos xerais (PSX) e enfermaría, sostén.

Sobre este extremo, explica que uns 40 novos titulados en enfermaría "poderían formar parte do mercado laboral por primeira vez este mes de xullo se a Administración llo permite".

CC.OO. remarca que a presión asistencial "é moito maior" nesta época en municipios costeiros como Ribeira ou Porto do Son, así como en municipios polos que pasa o Camiño de Santiago como Melide. Finalmente, avisa á Consellería de Sanidade que "as necesidades de atención á saúde da poboación non diminúen sexa cal for a época do ano".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta