A constitución do Grupo Mixto custará 152.000 euros máis ao Parlamento de Galicia

PP, PSOE, BNG e En Marea aprobaron por unanimidade estes novos orzamentos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2019 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

A constitución do Grupo Mixto custará un total de 152.355 euros máis ao Parlamento de Galicia segundo o acordo aprobado este martes por unanimidade na Xunta de Portavoces, órgano que tamén deu luz verde á nova repartición de tempos, representantes nas comisións e localización das forzas no Hemiciclo.

Mesa do Parlamento de Galicia
Mesa do Parlamento de Galicia

En concreto este incremento do custo débese a que o Grupo Mixto, do mesmo xeito que o resto, disporá da subvención que o Lexislativo dá a cada grupo parlamentario para o desempeño das súas funcións. Con todo, esta axuda será proporcional ao número de deputados --os catro que abandonaron o grupo parlamentario de En Marea-- e situarase en 95.729 euros, inferior á que recibe o resto de forzas --119.661 euros--tendo en conta que non alcanzan o mínimo de cinco representantes para contar con grupo propio.

Ademais, o novo grupo da Cámara formado polo que é portavoz orgánico de En Marea, Luís Villares, e os deputados Francisco Casal, Davide Rodríguez e Paula Vázquez Verao --que abandonaron o Grupo Parlamentario de En Marea-- contará con 56.626 euros para a contratación de persoal --unha cifra tamén proporcional e inferior á que reciben os grupos propios, que se sitúa en 70.782 euros--.

A maiores destas cantidades que suporán un incremento do custo ao Parlamento galego, ao novo grupo correspóndenlle outros 88.167 euros polos seu catro parlamentarios, unha cantidade que non supón un aumento do custo toda vez que a deixará de ingresar o de En Marea pola marcha destes representantes.

Deste xeito, en total, o Grupo Mixto recibirá un total de 240.531 euros mentres que o de En Marea quedará con 410.885 euros. Antes da separación, os 14 deputados rupturistas recibían un total de 499.061 euros, cifra que agora, en conxunto, se ve incrementada ata os 651.416 euros.

O acordo, aprobado despois de que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, trasladase varias posibilidades para a súa análise, foi aprobado por unanimidade dos grupos, que coincidiron ao cualificalo de positivo. Ademais, Luís Villares destacou que a opción adoptada é a fórmula que supón un "maior aforro" dentro da regulación parlamentaria. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta