4.338 mulleres recibiron as axudas periódicas da Xunta para vítimas de violencia de xénero desde 2006

O 85% das beneficiarias das axudas nos últimos anos estaba en situación de desemprego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2019 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

Un total de 4.338 mulleres recibiron as axudas periódicas que a Xunta outorga a vítimas de violencia de xénero desde a súa posta en marcha no ano 2006 (co goberno bipartito PSdeG-BNG), ata o último exercicio do que se teñen datos, 2018, período no que o Goberno galego destinou máis de 33,6 millóns para financiar esta liña de prestacións.

Violencia de xénero
Violencia de xénero | Fonte: Getty Images.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, fixo balance durante a súa comparecencia este martes na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego das axudas a vítimas de violencia de xénero, que este ano contan cun orzamento total de 5,1 millóns de euros, o máximo desde que comezaron a concederse.

Neste período foron atendidas 4.338 mulleres, das que máis dun 75 por cento procedían das provincias atlánticas, A Coruña (40%) e Pontevedra (36%), mentres que pouco máis de 1.000 eran residentes en Ourense (13%) e Lugo (11%).

En relación a este dato, os grupos da oposición --PSdeG, En Marea e BNG-- instaron á Xunta a reforzar a atención e a cobertura das zonas rurais menos habitadas para así paliar "a fenda" existente entre o "eixo atlántico" e o resto da comunidade.

A responsable de Igualdade no Goberno galego detallou os informes dos dous últimos anos sobre as axudas para vítimas de violencia de xénero, que consisten nunha prestación mensual que oscila entre os 300 e os 800 euros en función de factores como a renda, número de fillos a cargo ou grao de discapacidade.

Así, en 2017 houbo un orzamento de 4 millóns de euros para financiar as axudas percibidas por 417 mulleres, das que o 52% residían en "núcleos urbanos moi poboados" e o 25% "en zonas rurais despoboadas" .

Entre as beneficiarias, un 80% eran de nacionalidade española e en torno ao 60% tiñan polo menos un fillo ao seu cargo. Só dúas mulleres solicitantes eran vítimas de trata con fins de explotación sexual, condición tamén recollida na orde de axudas. Tanto en 2017 como en 2018, en torno ao 85% das beneficiarias das axudas estaba en situación de desemprego.

Respecto ao último exercicio do que a Xunta dispón datos, 2018, o número de mulleres que recibiron a prestación aumentou en 166 ata alcanzar as 583. López Abella destacou que o pasado ano a partida orzamentaria subiu aos 4,7 millóns, cifra por baixo da que se destinará en 2019 (5,1 millóns) e que marca o "máximo" desde a súa posta en marcha en 2006.

O perfil das beneficiarias en 2018 mantívose respecto ao ano anterior cun pequeno incremento no número de mulleres de nacionalidade estranxeira (23%) e das vítimas de trata, que foron seis polas dúas de 2017.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta