O Concello de Santiago ofrece visitas guiadas e gratuítas sobre a figura de Castelao

A cita terá lugar durante nove días deste mes de xullo, con saída ás 18,00 horas desde a Alameda, e sen necesidade de inscrición previa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2019 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago ofrecerá durante este mes de xullo visitas guiadas gratuítas ao redor da figura de Castelao co fin de "pór en valor o atractivo da cidade a través de escritores de relevancia".

Durante a rolda de prensa celebrada este mércores en Santiago, o concelleiro de Turismo, Gumersindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron esta iniciativa que levará a cabo os días 7, 9, 16, 18, 21, 23, 25, 28 e 30 deste mes para complementar a programación das Festas do Apóstolo.

As visitas comezarán ás 18,00 horas no Parque da Alameda, xunto á estatua de Valle-Inclán e terán unha duración aproximada dunha hora e media. Para participar non é necesario realizar unha reserva previa, pero é recomendable presentarse dez minutos antes no punto de saída, segundo explicaron os organizadores.

Esta actividade será aberta e estará guiada polo actor Suso Martínez, caracterizado como o escritor galego. Ademais, está pensada tanto para un público familiar, como para turistas e persoas que residen na cidade, que poderán "descubrir Santiago a través da mirada de Castelao" cun "contido cultural e didáctico".

ITINERARIO E SORPRESAS

En canto ao itinerario, as visitas empezarán na Alameda, e despois farase un percorrido pola Rúa do Vilar, Praza de Fonseca, Praza do Obradoiro, Quintana, A Casa da Troia, Casa Reais, Praza 8 de marzo e San Domingos de Bonaval. Ademais, o "intérprete" de Castelao adiantou que durante as visitas haberá "varias sorpresas e chiscadelas aos galegos exiliados en América".

Esta iniciativa, que continúa coa liña de traballo que comezou o verán do 2017 con visitas guiadas por marionetas, conta co financiamento da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e de Abanca.

Acciona repite como empresa adxudicataria dos lumes do Apóstolo, que custarán case 260.000 euros. CONCELLO DE SANTIAGO
Acciona repite como empresa adxudicataria dos lumes do Apóstolo, que custarán case 260.000 euros. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta