Vídeos alarmistas, sensacionalistas e non fiables sobre o cancro de mama triunfan en Youtube

Investigadores da Universidade de Vigo advirten de que vídeos pouco ou nada rigorosos sobre esta enfermidade se impoñen na famosa plataforma de vídeos de Google, fronte aos de expertos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/07/2019 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

O auxe da desinformación en Internet afecta todos os eidos da vida, incluída a saúde humana. Movementos como os antivacinas, consellos sobre alimentación ou actividades físicas sen base académica nin científica, a promoción de pseudoterapias como a homeopatía ou explicacións sen ningún rigor sobre o cancro inundan a Rede, onde se espallan a gran velocidade, engordando unha das grandes epidemias do século XXI a nivel global: a mentira viralizada. Agora, un estudo asinado por investigadores da Universidade de Vigo alerta do impacto de vídeos pouco o nada fiables en Youtube relacionados co cancro de mama.

Muller autoexplora as súas mamas.
Muller autoexplora as súas mamas.

En concreto, “unha cuarta parte dos vídeos que localizarán en Youtube as persoas interesadas no cancro de mama non ofrecen información fiable e non achegan, en termos obxectivos, ningún elemento de valor para os usuarios”, detallan os autores.

O 26% dos vídeos analizados proporciona “información confusa ou nesgada” sobre o cancro de mama; a maioría son de youtubers non expertos e canles de saúde e benestar

Os investigadores da UVigo analizaron as características e fiabilidade de 76 vídeos de Youtube sobre cancro de mama, relacionándoas coa súa repercusión e valor para os usuarios. Os vídeos analizados estaban gravados en inglés, “por ser unha lingua vehicular fundamental en Internet”, xustifican os autores.

“Os resultados mostran unha gran diversidade de formatos e promotores, fronte a unha maior uniformidade en canto ao tipo de contido e o ton. Aínda que predominan os vídeos informativos de ton neutral, os datos reflicten a preferencia dos usuarios por vídeos máis subxectivos e menos fiables”, resumen os autores do traballo.

Entre as fontes dos vídeos sobre cancro de mama existe “bastante diversidade”, sendo as canles específicas de saúde ou benestar e as individuais de youtubers as que achegan un maior número de vídeos, seguidos das canles de promotores especializados e das canles de contido variado.

Algo máis da metade dos vídeos analizados ofrecen “información fiable”, pero o 26% proporciona “información confusa ou nesgada”. A maior parte destas pezas non fiables é difundida por youtubers (usuarios particulares sen formación académica na materia), pero tamén por canles temáticas non científicas dedicadas á saúde ou o benestar. En cambio, case todos os vídeos de promotores especializados e de ONG dedicadas ao eido da saúde si ofrecen información fiable.

Apenas o 18% dos vídeos son de emisores especializados; os vídeos de afeccionados teñen máis visualizacións e repercusión

Os investigadores observaron que a maioría dos vídeos que se poden considerar “valiosos, en maior ou menor medida, para os usuarios” son de emisores especializados, a pesar de que a súa presenza na mostra é menor que a das canles de saúde ou benestar e dos youtubers, que difunden contidos menos rigorosos e fiables.

Un dos datos máis preocupantes do estudo é que “pouco máis do 18% dos vídeos corresponden especificamente a emisores especializados, que son os que poden ofrecer información de maior calidade”.

Ademais, estes vídeos emitidos por promotores especializados (máis fiables) “vense pouco e xeran poucas reaccións [reproducións, respostas, etc.], mentres que os vídeos xerados por youtubers teñen máis visualizacións e máis repercusión”, con maior número de reaccións (positivas e negativas) nas pezas non fiables e nada útiles.

TIPOS DE VÍDEOS

En canto ao formato dos vídeos, un 47,4% foron clasificados como reportaxes, “aínda que non é o caso dos youtubers, que xeran fundamentalmente contido propio que non se pode englobar noutros formatos, nin das ONG de saúde, que diversifican máis os seus formatos”, explícase.

En termos xerais, o aspecto sobre o que máis información ofrecen todos estes vídeos é a detección precoz, nun 42,11% dos casos. A prevención e os coidados durante e despois da enfermidade son os aspectos sobre os que menos se informa. Un 18,42% dos vídeos non ofrecen información sobre ningún destes temas.

O 17% dos vídeos apela á emotividade como elemento de atracción, recorrendo ao sensacionalismo, e un 8% aborda o problema desde a perspectiva do humor

Observouse tamén que os emisores especializados insisten especialmente nos aspectos relacionados coa detección precoz, mentres que as canles de saúde ou benestar se centran en maior medida nos síntomas da enfermidade.

As cifras xerais do cancro e a información sobre tratamentos teñen tamén unha presenza importante. Porén, existe menos información sobre as posibles medidas de prevención fronte ao cancro de mama e sobre os coidados que require unha persoa afectada pola enfermidade.

Sobre o tipo de contido e o ton dos vídeos, a maioría dos vídeos (63,2%) presenta un contido fundamentalmente informativo, mentres que un 23,7% é de carácter testemuñal. As contas persoais de youtubers son as únicas que optan principalmente polo contido testemuñal.

Por outro lado, a maioría dos vídeos (71,05%) presenta un ton neutral, mentres que nun 17,11% se apela á emotividade como elemento de atracción, recorrendo ao sensacionalismo.

Os autores do estudo sinalan que son os youtubers son os que “optan en maior medida pola emotividade, mentres que as fontes especializadas, as ONG do ámbito da saúde e as canles de saúde e benestar evítana”, aínda que tamén advirten de que ese último grupo – canles de saúde e benestar– “é o único no que se atoparon mensaxes alarmistas”.

Preto dun 8% dos vídeos abordan o problema desde a perspectiva do humor, que “implica máis visualizacións, aínda que tamén supón un maior número de reaccións negativas”. Neste sentido, os investigadores consideran o humor “un recurso que podería resultar delicado” para abordar unha enfermidade como o cancro de mama.

QUE BUSCAN OS USUARIOS?

A partir dos datos analizados, os investigadores consideran que a preferencia dos usuarios de Youtube por vídeos xerados por individuos non expertos en cancro fronte aos de especialistas, unida á escasa repercusión dos vídeos informativos –malia a súa abundancia– fronte aos testemuñais, ou dos vídeos considerados fiables e valiosos polos investigadores fronte aos que non o son, “fai que se poña en dúbida que a finalidade coa que os usuarios buscan vídeos sobre enfermidades en Youtube sexa obter información detallada e obxectiva sobre a doenza”, advirten os autores do estudo.

“Máis ben, os patróns de repercusión –con maior éxito dos vídeos humorísticos, emotivos ou alarmistas fronte aos neutrais– apuntan a unha procura de materiais de carácter variado nos que se aborde a enfermidade desde un punto de vista menos obxectivo e máis emocional”, engaden os autores.

En resumo, apuntan que, “aínda que os emisores especializados en temas de saúde parecen esforzarse en ofrecer vídeos rigorosos, con información fiable e de calidade, o usuario prioriza a procura de apoio e acompañamento fronte á solución das dúbidas sobre a enfermidade”.

O estudo, titulado ‘Análisis de vídeos sobre cáncer de mama en YouTube’, vén de publicarse na revista Cuadernos.Info e está asinado por María Isabel Míguez-González, Oswaldo García Crespo e Diana Ramahí-García, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta