O BNG lanza unha campaña polo Día da Patria para captar a 500 novos militantes

'Galiza, un novo impulso' é o lema desta campaña, para a que se organizarán un cento de actos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2019 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego lanzou este mércores a súa campaña polo Día da Patria (25 de xullo) co obxectivo de captar a 500 novos militantes e reforzar a súa estrutura interna. Con este fin e baixo o lema 'Galiza, un novo impulso', o BNG organizará un cento de actos por todo o país para conmemorar unha data emblemática para o nacionalismo galego, unha serie de accións que culminará coa tradicional manifestación do 25 de xullo en Santiago de Compostela.

O secretario de Comunicación do BNG, Xavier Campos, presenta a campaña do BNG
O secretario de Comunicación do BNG, Xavier Campos, presenta a campaña do BNG | Fonte: Europa Press.

Así o destacou o secretario de Comunicación do Bloque, Xavier Campos, quen confiou en que esta marcha se traduza no "maior acto social de celebración da nación galega" impulsado por un BNG ao que ve en "alza".

"Somos unha forza que crece e sabemos que hoxe hai unha maioría de galegos e galegas que queren abrir un novo ciclo político, que queren ver a Feijóo e o PP na oposición, que miran o Bloque e a súa portavoz nacional, Ana Pontón, con simpatía e ilusión", sinalou Campos.

Por iso, indicou que "a esa maioría social" é á que a formación dirixe esta campaña cunha idea clara: "Sumar co BNG para darlle impulso a Galicia e avanzar no país próspero, soberano e con futuro que queremos", expresou.

Precisamente, preguntado se fichar persoas descontentas con En Marea será un obxectivo para o Bloque, Campos asegurou que a súa formación non identifica "caladoiros tan específicos". "Temos claro que fóra do BNG hai miles de galegos que queren a este país, construír unha Galicia mellor, e a eses miles de galegos é aos que se dirixe", indicou.

Neste punto, detallou que moitas das persoas que integraron as listas do BNG nas pasadas eleccións municipais non son afiliadas, polo que "hai un potencial de crecemento inmediato".

Xavier Campos foi o encargado de presentar a campaña, que se sintetiza gráficamente nun mapa de Galicia debuxado con impresións dixitais de distintos tamaños e cores para simbolizar que é "un país plural e diverso", con persoas que teñen diferentes formas "de pensar, de sentir e de vivir".

Ademais, a campaña completarase cun tema musical a modo de himno reivindicativo que nesta ocasión correrá a cargo do grupo San da Rúa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta