A Xunta insiste en que o futuro de Alcoa pasa "por prezos competitivos e estables" para a electricidade

Bernardo Tahoces afirma que "o único imputable á Xunta" na situación de Alcoa "é estar á beira dos traballadores".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2019 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

A Xunta, a través do director xeral de Enerxía e Minas, Anxo Bernardo Tahoces, insistiu en que "o único imputable" ao Goberno galego na situación das plantas de Alcoa na comunidade "é estar á beira dos traballadores", xa que, sostén, as causas do seu posible peche proceden de "factores" do mercado a nivel global.

Así respondeu o responsable de Enerxía da Administración autonómica en resposta a unha pregunta formulada pola deputada do BNG Noa Presas durante a Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento de Galicia, celebrada este xoves.

Cuestionado achega do papel da Xunta ante a situación das plantas de Alcoa cuxo futuro aínda está no aire, Anxo Bernardo Tahoces emprazou á deputada nacionalista a "non desviar a atención" sobre a solución para garantir a continuidade das factorías e o mantemento dos postos de traballo, que pasa "por establecer prezos competitivos e estables" para a electricidade.

"Non fan falta solucións máxicas á marxe da lexislación europea", incidiu, para, a continuación, pór o foco en que Francia e Alemaña "xa están a aplicar" fórmulas que "están a ser operativas" para o sector. Neste sentido, apuntou que a Xunta propuxo a súa "colaboración incondicional" ao Goberno central "para buscar a vía de aplicación" destas medidas en Galicia. "O Goberno de Sánchez ten que tomar unha decisión, pero non está a cumprir cos seus compromisos", engadiu en referencia á aprobación do estatuto do electrointensivo "que tiñan que presentar o 4 de abril".

Así as cousas, tras repasar as condicións do mercado de aluminio a nivel global que "rebaixan a competitividade" da industria galega, incidiu en que estes "factores" sumados á "inestabilidade" do prezo da enerxía en España provocan que o fondo suízo Parter (en negociacións para adquirir as plantas de Alcoa en Avilés e A Coruña) "só garanta o pleno emprego durante os primeiros 24 meses despois da compra".

"Isto sábeno perfectamente os traballadores e o que temos que facer é non desviar a atención cara a ningún outro sitio", subliñou Tahoces, que pediu a colaboración do BNG e o resto de grupos na Cámara de face a "buscar unha solución definitiva, non parcial, antes do 31 de xullo" para evitar o peche das plantas.

O director xeral de Enerxía, Ángel Bernardo Tahoces
O director xeral de Enerxía, Ángel Bernardo Tahoces | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta