Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/07/2019 | Actualizada ás 10:15
As Organizacións Sindicais con presenza na Mesa Xeral de Empregados Públicos, CSIF, CIG, UGT e CC.OO. acaban de denunciar importantes deficiencias dos Equipos de Valoracións e Orientación da Consellería de Política Social á hora de valorar situacións de discapacidade en Galicia.
Así, critican que a dotación de persoal coa que contan os equipos de valoracións, resulta “claramente insuficiente” para sacar adiante o traballo co que se enfrontan a diario. “O atraso nas valoracións supón un claro prexuízo para unha parte desta sociedade que sendo vulnerables deberan ter unha prestación de servizo público caracterizado pola prestación de axuda de xeito eficaz e efectivo”, indican nun comunicado.
Ademais, suliñan que o modelo de solicitude de recoñecemento do grao de discapacidade, debe ser modificado porque “non facilita o traballo do persoal técnico” e porque “xera dúbidas a quen solicita pola terminoloxía utilizada”.
Por outra banda, tamén se denuncian problemas para acceder a medios informáticos, como o IANUS, para avaliar cada caso concreto, por “sobrecarga no persoal de psicoloxía que non ten a concesión de acceso a este sistema e debe de recorrer continuamente ó persoal médico”.
Por todo isto, estes propesionais reclaman que o día da xunta de valoración non se citen pacientes para ningún profesional, que o persoal de psicoloxía tamén teña acceso ao IANUS ou que se respecten os tempos horarios nas valoracións. Tamén piden que que se presente unha solicitude máis clara e adaptada ás necesidades dos usuarios e a creación con carácter permanente de novas equipas de valoración naquelas localidades en que a carga de traballo provoca a superación dos prazos legalmente establecidos, así como a dotación de máis persoal de corpos xerais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.