Tellado cre que Gonzalo Caballero atrasa a súa entrada na Cámara "por medo a medirse" con Feijóo

O popular afirma que "a actividade parlamentaria" da oposición "demostra que son incapaces de ser unha alternativa seria" ao PP. Di que o BNG está "máis preocupado polos presos de Resistencia Galega" que por Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2019 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, cre que o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, atrasa a súa entrada como deputado no Parlamento de Galicia "por medo a medirse" co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Así o indicou o tamén viceportavoz do Grupo Popular na Cámara galega nunha rolda de prensa celebrada este venres na que asegurou que "a actividade parlamentaria" dos grupos da oposición nas últimas semanas "demostra que a esquerda galega é incapaz de conformar unha alternativa seria e solvente" ao PPdeG.

Neste sentido, tachou ao secretario xeral dos socialistas galegos de "escapista" por ser "un líder que non se atreve a ir á Cámara", algo que, para Tellado, é consecuencia do "medo" de Gonzalo Caballero "a medirse" con Núñez Feijóo.

"A suposta entrada de Gonzalo Caballero para finais do mes de xullo ou principios de agosto é un símbolo do que pretende facer no Parlamento: ir de vacacións mentres hai un goberno que traballa por Galicia", incidiu. Tellado tamén aproveitou para cargar contra o resto de forzas da oposición: En Marea, agora dividido en dous grupos, un deles no mixto; e o BNG.

Respecto dos primeiros, o secretario xeral do PPdeG ironizou con que "a única intención" dos deputados "é saber de que lado do pano de pladur quedan", en referencia ás obras encargadas polo Parlamento de Galicia para dividir as ata agora dependencias de En Marea para dotar dun espazo de traballo ao Grupo Mixto, integrado por Luís Villares e os outros tres deputados que romperon co resto do grupo.

Por último, Miguel Tellado afirmou que o BNG "está máis preocupado do que lle pasa aos presos de Resistencia Galega ou o que lle pasa ao independentismo vasco ou catalán que o que lle pasa aos galegos". "Galicia non merece partidos e líderes que entendan as institucións como instrumentos de táctica política", apostilou o secretario xeral do PPdeG.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, en rolda de prensa na sede do partido. PPDEG
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, en rolda de prensa na sede do partido. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta