Feijóo, a gran aposta do PP, do empresariado e dos xornais galegos para liderar Galicia... e Madrid

O líder do PP estaría disposto a repetir como candidato do seu partido nas eleccións do vindeiro ano. Unhas eleccións nas que contará con importantes apoios económicos e mediaticos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/07/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Un bipartito multiplicado por dous" ou un "cuatripartito". Así se refería o presidente da Xunta, Alberto Nüñez Feijóo, aos grupos de esquerda que poden rivalizar con el nas eleccións do 2020 e arrebatarlle o poder. Unhas referencias a unha oposición que poñen enriba da mesa parte da estratexia que activou el e o seu partido de cara a eses estratéxicos comicios.

O líder do PPdeG aínda non dixo se se presentará por cuarta vez a uns comicios galegos, pero todos os indicios apuntan a que así será. As tres veces anteriores acadou maioría absoluta e, precisamente, esa é a súa principal fortaleza para que, tanto os principais dirixentes do seu partido, como os grandes poderes económicos e mediaticos de Galicia, tenten convencelo para un cuarto mandato.

Feijóo fala de "cuatripartito" sabedor de que é moi difícil que en Galicia se artelle outra dereita, como aconteceu no resto do Estado. Aquí, nin Ciudadanos, nin Vox, foron quen de acadar grandes resultados nin nas municipais, nin nas xerais, e os principais estadistas populares cren que se Feijóo volve encabezar a lista do PPdeG non terá rival pola dereita. E esa é outra das grandes bazas dos populares e dos poderes económico-mediaticos que queren que repita Feijóo.

"ESTABILIDADE"

A estratexia xa a deixou caer o propio Feijóo hai uns días ao falar de "estabilidade" á hora de gobernar. Unha estabilidade que non tivo o bipartito de Touriño e Quintana e que tampouco tivo nin Rajoy, nin está tendo, polo momento, Pedro Sánchez. Ese é o seu argumento, e esa "estabilidade" é o que lle piden os grandes empresarios do país e, tamén, os editores dos grandes medios de comunicación, principalmente, La Voz de Galicia, o gran soporte de Feijóo desde que chegou á Xunta.

Precisamente, este medio, que nos últimos tempos se ten convertido no brazo mediatico do PP, leva meses publicando artigos e crónicas sobre a importancia dun goberno estable para Galicia. Un goberno que pasaría por unha repetición de Feijóo como candidato á Xunta. Os argumentos: que el é o único capaz de manter esa estabilidade e que a división da esquerda, "ese bipartito multiplicado por dous" ou "cuatripartito", sería un "desastre" para Galicia. Por iso, se teñen amplificado as divisións existenten na esquerda, principalmente, en En Marea, aínda que tamén no PSOE, e se teñen buscado aliados nesa estratexia, nomeadamente, o BNG, unha forza que pasou de ser denostada na época de Quintana, a ser mimada coa UPG na súa dirección.

APOIOS

Pero a gran baza de Feijóo para repetir en Galicia non é só o apoio das grandes familias mediaticas galegas --que tamén--, senón o soporte que ten de grandes grupos empresariais. Un soporte que tería recibido en varias ocasións directamente por parte de grandes empresarios galegos e non galegos.

Tamén no seu partido son conscientes de que sen Feijóo é probable que se perda a Xunta. Por iso, desde hai tempo ninguén quere asomar a cabeza. Unha sensación que se consolidou tras os malos resultados colleitados polo seu partido nas xerais, pola viraxe á ultradereita e, xa en clave máis doméstica, nas pasadas municipais, que supuxeron un mazado para os candidatos que estaban en mellor posición de saída para substituílo en Galicia.

Así que, desde hai algún tempo en certos ámbitos políticos e económicos, comeza a asentarse a idea de que "ou Feijóo, ou o caos". E eses apoios económicos e mediaticos cos que conta en Galicia, e que tamén comeza a ter en Madrid, utilizan, precisamente, a baza de Madrid para animalo a seguir a súa carreira política. De conseguir, novamente, unha maioría absoluta, sería o único gran barón do PP en tela e, de paso, un serio rival para Pablo Casado. Quizais, o obxectivo final de Feijóo, se se presenta en Galicia, non sexa Galicia, senón, Madrid.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa. XUNTA

Feijóo durante un mitin
Feijóo durante un mitin
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 xosel

Tamén o BNG é a aposta dos lobbies para unha oposición incapaz de ser alternativa.

1 tirolalira

Xa xa...pois o das Mareas, AGES, Cernas, YolandoEU e demais paifocada foi para por-se a mexar e non botar nin pinga...vaia fraude á Galiza....