O Grupo Mixto propón elevar a 45 anos o limiar máximo para acceder a fecundación asistida no Sergas

Villares tacha de "covarde" e "propaganda electoral" o proxecto de lei de impulso demográfico da Xunta.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2019 | Actualizada ás 13:06

Comparte esta noticia

O Grupo Mixto propuxo que o limiar máximo para recibir un tratamento de fecundación asistida no Servizo Galego de Saúde (Sergas) se eleve ata os 45 anos como medida para paliar a crise demográfica que atravesa Galicia, un problema que, en palabras do portavoz parlamentario, Luís Villares, "non resolverá" o proxecto de lei de impulso demográfico da Xunta.

Villares ofreceu este luns unha conferencia de prensa que inaugurou o novo esquema das tradicionais rodas dos grupos con presenza no Parlamento de Galicia que dan arranque á semana mediática no plano político.

Así, a partir de agora, o encargado de abrir a xornada será o recentemente constituído Grupo Mixto, seguido polo BNG e, a continuación, os seus excompañeros do Grupo de En Marea, que ceden o seu sitio ao PSdeG como nova segunda forza na Cámara. O PPdeG seguirá pechando a rolda de conferencias de prensa.

O portavoz parlamentario do Grupo Mixto centrou a súa comparecencia ante os medios en criticar a lei de impulso demográfico que prepara o Goberno galego e que, segundo o maxistrado en excedencia, se caracteriza por "a falta de ambición", o que a converte en "propaganda electoral ás portas das autonómicas".

Deste xeito, Villares cre que "os datos" que arroxa Galicia, marcados pola perda de poboación, fan que a Xunta "non teña credibilidade para facer agora unha lei" neste ámbito pois "durante dez anos non fixeron nada" e o PP "é o principal responsable da sangría demográfica".

Neste sentido, o Grupo Mixto bota en falta na nova lei medidas que atendan "ao papel da muller", "a precariedade" do mercado laboral e "a perda de servizos públicos"; todos eles, segundo Villares, factores que provocan que a poboación de galega opte "por non ter fillos" ante "a falta de expectativas de futuro".

"Para cambiar isto fai falta un xiro total das políticas públicas, que sexa transversal e que cambie as paradigmas", incidiu o xuíz en excedencia, que teorizou con que a presentación desta lei por parte do Goberno de Alberto Núñez Feijóo evidencia que "recoñecen" que "non fixeron nada" durante o últimos dez anos para paliar a perda de poboación.

MEDIDAS

Así as cousas, o Grupo Mixto propón "tres directrices" sobre as que debería pivotar un texto lexislativo que afronte a problemática demográfica en Galicia: aplicar políticas "feministas" como "orientación básica", impulsar medidas que freen "a precariedade" na mocidade e mellorar os servizos públicos en virtude de "as plenas competencias" que ten a Xunta na materia.

Respecto disto último, expoñen que o sistema educativo para nenos de 0 a 3 anos sexa gratuíto a través dunha rede pública de escolas e que o catálogo de prestacións do Sergas eleve ata os 45 anos (actualmente está en 40) o limiar para as mulleres que queiran someterse a un tratamento de fecundación asistida.

Así mesmo, Villares tamén puxo sobre a mesa a "necesidade" de que se favoreza a conciliación como medida para aumentar a natalidade, "fundamentalmente" con políticas orientadas cara á muller. Por último, reclamou a derrogación das reformas laborais como vía para acabar "coa situación precaria" que padece a mocidade de Galicia, para quen tamén propón a creación dun plan de vivenda en aluguer.

Segundo Villares, todas estas medidas poderían "ter a categoría de rango de lei". "Se non se fai é que non hai intención de reverter a situación", apostilou Villares, para quen "un debate" sobre demografía que non se centra nas medidas expostas "non resulta crible".

O portavoz de En Marea e portavoz parlamentario do Grupo Mixto no Parlamento de Galicia, Luís Villares.. EN MAREA
O portavoz de En Marea e portavoz parlamentario do Grupo Mixto no Parlamento de Galicia, Luís Villares.. EN MAREA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 eusi

Asi vos és Feijojojo, dá la risa como el Bnjajaja

1 Pilar G.

Unha proposta absolutamente irresponsable. Un embarazo ós 40 anos xa é de alto risco e conleva moitos perigos para o feto. Ós 45 xa é case xogar á ruleta rusa. Isto lémbrame a certa política galega antivacinas...

1 eusi

Para iso se implantarían as medidas de seguimento ás grávidas! É mellor non ter ningunha politica nese sentido, non si? (se non hai políticas sanitarias, máis cartiños pra repartiren entre os amigotes, os empresarios lambecús, e os xornais moribundo da PPropaganda)