Recolléronse case 26 toneladas de vidro na noite de San Xoán na Coruña

Foi o resultado da campaña de Ecovidrio e a Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2019 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

A campaña especial de recollida de vidro impulsada pola Xunta e Ecovidrio durante a noite de San Xoán --do 23 ao 24 de xuño-- na Coruña saldouse cun total de 25,7 toneladas colleitadas. A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, celebrou estes datos como exemplo da "cada vez maior conciencia cidadá" en Galicia sobre os beneficios da reciclaxe.

E é que, segundo informa o Goberno galego, esta contía é algo superior á da edición desta festa de interese turístico internacional en 2018, cando se recolleron 23,4 toneladas. A conselleira destacou este luns na cidade herculina que "a formación é a mellor forma de prevención" en materia de xestión de residuos. Neste sentido, reclamou o apoio de toda a sociedade para "superar" o modelo de fabricar-usar-tirar.

Deste xeito, Vázquez referiuse ás "numerosas" actividades de educación ambiental que promove o seu departamento ao longo do ano para "formar e informar" á cidadanía, ademais de campañas educativas en colexios para implicar nesta tarefa ás novas xeracións. Para estas accións, Medio Ambiente destina en 2019 uns 2,6 millóns de euros.

Con esta finalidade, a Xunta ve nos festivais que se celebran en Galicia cada ano cunha gran afluencia de público "unha boa oportunidade para tentar implicar á sociedade neste tipo de iniciativas ambientais".

CAMPAÑA EN SEIS PRAIAS

En canto á celebración do San Xoán na Coruña, que congrega a unhas 150.000 persoas cada ano, esta é a quinta ocasión na que a Consellería de Medio Ambiente e Ecovidrio colaboran nesta campaña de sensibilización para fomentar a recollida de vidro en toda a cidade, aínda que cun operativo especial nas praias máis concorridas: Riazor, Orzán, Matadoiro, San Amaro, As Lapas e Oza.

En concreto, na acción deste ano despregouse polos areais un equipo integrado por 20 persoas para informar os beneficios ambientais da reciclaxe dos envases de vidro. Ademais, instaláronse 15 colectores-iglús nas entradas principais de cada praia e lanzouse unha nova edición do concurso 'Rasca e Gaña'. Segundo esta última iniciativa, por cada tres envases de vidro depositados nos colectores da campaña, os participantes obtiñan un cartón que lles daba acceso a varios premios.

En total, repartíronse durante a noite de San Xoán 3.000 invitacións para o Aquapark de Cerceda, 100 mini iglús e outros moitos agasallos directos, quedando pendentes dez bicicletas que, precisamente, foron entregadas este luns pola conselleira en compañía do xerente en Galicia de Ecovidrio, Germán Fernández.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, fai balance da campaña de recollida de vidro da Xunta e Ecovidrio en San Juan na Coruña.. XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, fai balance da campaña de recollida de vidro da Xunta e Ecovidrio en San Juan na Coruña.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta