Os negocios de artesanía que aínda resisten ao boom turístico

Hai turistas que se propoñen coñecer a cidade a fondo, que saen do camiño que se lles traza e entran nas tendas locais das cidades, aquelas onde sempre merca a veciñanza do barrio. O GC conversa con cinco comercios de artesanía de Santiago para saber a importancia do turismo no seu día a día e o modelo de consumo que observan nos visitantes. "Algún mercounos unha monteira e marchou con ela pola rúa", aseguran.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 12/07/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Cando un turista chega a unha cidade, aquilo que con máis facilidade vai atopar son esas tendas de souvenirs ou eses servizos turísticos creados exclusivamente para el. Están á caza do viaxeiro. Mais, paradoxicamente, para coñecer a fondo un lugar, quizais sexan a opción menos oportuna. A identidade dunha cidade está na xente que vive ese espazo; atópase no comercio onde merca a veciñanza do barrio; ou nas rúas que quedaron fóra do folleto do tour turístico. En suma, fuxindo dos tópicos, desviándote dese camiño que tiñan trazado para ti, coñécese unha realidade. 

Leonor no seu obradoiro de Como pez en el agua, en Santiago de Compostela
Leonor no seu obradoiro de Como pez en el agua, en Santiago de Compostela

Ao longo da cidade de Santiago hai comercios de artesanía que ofrecen un produto do país, de calidade, diferenciado e que, sen estaren destinados principalmente a turistas, tamén chaman pola curiosidade deste tipo de cliente. O comercio Merlín e Familia é un exemplo claro disto. Patricia Pazos, a súa creadora, conta que non está orientada ao turismo, pero que é un dos perfís que máis entra pola porta. "Agradécese e axudan moito: sen eles non podería sobrevivir. Pero a miña idea non é enfocar o negocio a iso: nin cunchas, nin frechas, nin catedrais... Engadir ese tipo de produtos significaría un perigo para a miña tenda. A xente agradece atopar outro tipo de cousas".

"Sen os turistas non podería sobrevivir"

CLASES DE TURISMO

Esta teima dos turistas por atopar produtos diferentes é o que fai que entren nos comercios de artesanía local. Mais os comerciantes concordan nunha peza chave desta realidade: hai varios perfís de turista, cada un con cadanseu modelo de consumo. As persoas que entran nesa tenda de souvenirs non son as mesmas que entran no comercio de artesanía. En Como pez en el agua, "os turistas que máis mercan son precisamente os que din 'por fin unha tenda de produtos orixinais e feitos aquí'", conta Leonor. Dende De Cotío, Rosa Segade fai unha distinción por meses do ano: "o turismo de xullo e agosto é moi masificado, veñen por pouco tempo e con poucos cartos; pero o de setembro é de máis nivel. Aínda que ese case desapareceu". Para Laura, de ElaDiz, "as necesidades, os gustos e o poder adquisitivo determina que acudan a uns ou outros establecementos".

Unha parte da tenda Merlín e Familia, en Santiago de Compostela
Unha parte da tenda Merlín e Familia, en Santiago de Compostela

VISITANTES QUE VALORAN A ARTESANÍA

Sexa como for, o certo é que hai turistas que marchan de volta para o seu país de orixe cun recordo galego baixo o brazo. A tenda Como pez en el agua, por exemplo, é ao mesmo tempo un comercio e un obradoiro. Leonor, a súa cabeza pensante, crea pezas coas súas mans nos diferentes materiais que traballa. Sobre se o incremento do turismo mudou dalgún xeito o seu modelo de traballo ou o seu imaxinario á hora de poñerse mans á obra, conta que lixeiramente. "Teño unha liña de cousas claramente enfocada ao peregrino, pero sen perder a esencia da tenda, que é que sexan cousas feitas por min, co meu estilo, e que eu usaría". 

"Non estamos á espera do turista para tirarlle a caña, senón que lle ofrecemos algo máis humano, con máis valor"

Outras tendas si se enfocan máis ao visitante, pero tamén dun xeito innovador e diferente. É o caso de O camiño empeza agora, un proxecto que comparte cos anteriores esa querenza por ofrecer un produto cun valor engadido para quen nos visita. A columna vertebradora deste comercio é a artesanía, a gastronomía e a literatura relacionada co Camiño. José de la Fuente, un dos seus promotores, conta que "a inspiración da tenda é o peregrino". Sendo este o seu principal público, tamén entran pola porta moitos turistas convencionais e veciñanza de Santiago. "De primeiras a xente de aquí pode ser reacia a este tipo de comercios por ese cliché da palabra 'camiño', pero axiña escapan de aí, córrese a voz... e entran". Dende O camiño empeza agora "non estamos á espera do turista ou do peregrino para tirarlle a caña, senón que lles ofrecemos algo máis humano, con máis valor".

De cotío, que ten unha clientela maioritariamente vinculada ao mundo do tradicional e do folclore, garda no seu inventario algunhas compras ben peculiares: "Un dengue de bandeira - unha peza do traxe tradicional galego -, súper bordado, marchou para Xapón. Eu non o quería vender porque era meu, pero pareceulle impresionante e quería levalo. Así que para alá foi", recorda Rosa. "Tivemos tamén algún guiri que mercou unha monteira e marchou con ela pola rúa. E hai algunha muller que levou unha saia de galega para poñela cunhas chanclas. Panos tamén vendemos moitos". Cos pendentes pasa unha cousa curiosa: "Enténdeos moito máis a xente de fóra que a de aquí. Nós mirámolos, parécennos do tradicional e non nos atrevementos a levalos pola rúa. A xente de fóra, pola contra, ve un pendente marabilloso que non vincula ao tradicional porque non o ten en conta". 

Así pois, pódese dicir que hai estranxeiros nas máis diversas localidades do mundo que quizais están vestindo un dengue, unha saia ou un pano do traxe galego. Mais o certo é que isto é a excepción, conta Rosa. "Os turistas de a pé entran porque estamos pegadiños á catedral, pero non é o noso público potencial, non adoitan ser compradores". Cousa semellante lle acontece a ElaDiz, que teñen como fonte de ingresos fundamental a xente veciña da cidade. "A base fundamental da tenda é a xente local, aínda que non queremos pasar por alto a importancia das vendas das persoas que nos visitan", di Laura.

OS TURISTAS MARCHAN COÑECENDO O PAÍS?

"Os turistas veñen con moitas preguntas sobre gastronomía, cultural... ou como poden ver baile tradicional"

Foi a última pregunta formulada aos comerciantes protagonistas nesta reportaxe. Di Leonor que hai de todo: "xente que só visita o que pon na guía que hai que ver, e comen o que hai que comer; e xente que se deixa perder polas rúas, pregunta e fala cos veciños". Rosa, pola súa banda, atopa interese na xente que entra na súa tenda. "Vén con moitas preguntas... Como pode ver baile tradicional, ou sobre gastronomía, cultura...". José de la Fuente dubida na resposta para logo concretar un "Non, Galicia é moito máis ca comer polbo e facer empanadas...". Patricia pon o foco no "pervertida" que está a cidade: "está moi degradado o que lles contan e o que lles venden. Pénsase en facer caixa e en nada máis. A cidade perde identidade". Para Laura, "depende das inquedanzas individuais de cada persoa".

Máis alá das intencións de cada turista cando visita as cidades, o certo é que este tipo de negocios axuda a espallar a identidade do país e ofrécelle aos viaxeiros un modelo de consumo diferente. É esa artesanía que engaiola.

José de la Fuente na súa tenda O camiño empeza agora, en Santiago de Compostela
José de la Fuente na súa tenda O camiño empeza agora, en Santiago de Compostela
O escaparate de ElaDiz, en Santiago de Compostela
O escaparate de ElaDiz, en Santiago de Compostela
O escaparate de De Cotío, en Santiago de Compostela
O escaparate de De Cotío, en Santiago de Compostela
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta