Lanzan unha aplicación para emprendedores e empresas enmarcados na economía verde

Os usuarios, a través deste proxecto impulsado por Low Carbon Innovation, poderán acceder de forma sinxela a contidos divulgativos e realizar un seguimento da evolución do seu consumo de enerxía e auga.

Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 09/07/2019 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

O proxecto Low Carbon Innovation presentará a súa aplicación para dispositivos móbiles a través dun evento de formación en liña que terá lugar o vindeiro xoves, 11 de xullo, ás 11:30 horas. Todos os interesados poderán conectarse á sesión a través deste enlace.

Economía verde
Economía verde | Fonte: GuíaONGs

Esta app móbil complementa o servizo que a plataforma en liña ofrece a emprendedores e empresas que aposten pola economía circular, verde ou baixa en carbono. Ambas ferramentas ofrecen, de forma sinxela e intuitiva, unha serie de recursos e contidos en materia de eco-innovación, como casos de éxito, normativa ou transferencia tecnolóxica, que poderán ser complementados con píldoras formativas.

Unha das súas funcións máis destacadas é a consulta dun conxunto de indicadores de sustentabilidade, como a pegada hídrica ou a de carbono, o que permite aos usuarios un seguimento continuo da súa evolución, así como a realización de autodiagnósticos sobre o seu consumo de enerxía e auga. De forma adicional, os usuarios teñen acceso a unha plataforma de networking, onde teñen a oportunidade de intercambiar experiencias con outras empresas.

Todos os emprendedores e empresas enfocadas cara un desenvolvemento sustentable poden apuntarse na plataforma en liña a través deste formulario. O rexistro é totalmente gratuíto e permitirá o acceso a todos os seus servizos, así como á sesión de presentación da aplicación móbil.

A Rede Transrexional Low Carbon Innovation, financiada polo Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP), ofrece máis información sobre o proceso de rexistro e manexo a través dun video explicativo dispoñible na web da súa plataforma e na súa canle de Youtube.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta